Inicio / Noticias / O DOG publica a declaración de utilidade pública do polígono agroforestal de Xesto, no concello do Saviñao, para poñer en valor 95,94 hectáreas
20/02/2024 - 10:41

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Xesto, situado no concello lucense do Saviñao. Esta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria, abrangue unha superficie de 95,94 hectáreas, distribuídas en 143 parcelas de 33 propietarios.

A declaración de utilidade pública e de interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. Cabe sinalar que os polígonos agroforestais teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

No relativo ao polígono de Xesto, cómpre remarcar que a zona delimitada atópase na área de actuación de varias indicacións xeográficas protexidas -como a IXP Castaña de Galicia- e existe unha gran demanda de terreos para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vencelladas á gandaría en extensivo.

Actualmente hai 30 polígonos agroforestais en marcha (en diferentes fases de execución) na nosa comunidade, que supoñen a posta en valor de 9.323 hectáreas distribuídas en 30.357 parcelas propiedade de 8.568 veciños.

Ligazón ao decreto no DOG: