Inicio / Noticias / O DOG publica hoxe a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal de Remuíño, no concello ourensán da Arnoia
04/03/2024 - 02:28

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo cal se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Remuíño, localizado no concello ourensán da Arnoia. Esta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria, porá en valor 224 hectáreas, distribuídas en 6.753 parcelas de 780 propietarios.

A declaración de utilidade pública e de interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. Cómpre sinalar que o 8 de xullo de 2022 saía publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo polo que se iniciaba o procedemento de aprobación para o desenvolvemento deste polígono.

O de Remuíño ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, en progresivo estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

Neste caso en concreto, cómpre destacar que a zona delimitada está na área de actuación da Denominación de Orixe Ribeiro e a Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Arnoia, existindo unha gran demanda de terreos para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculadas á produción vitivinícola, de horta, á gandaría extensiva ou ao aproveitamento forestal.

30 polígonos

Na actualidade, tendo en conta este da Arnoia, estanse a desenvolver un total de 30 polígonos agroforestais de iniciativa pública en toda Galicia, que se atopan en distintas fases de execución. Isto supón un total de 9.323 hectáreas mobilizadas grazas á Lei de recuperación da terra agraria, abranguendo 30.357 parcelas e 8.568 persoas propietarias directamente beneficiadas.

Cómpre apuntar que na meirande parte dos polígonos xa se identificaron actividades admisibles e prevese a súa recuperación a través de sistemas agroforestais, cultivos leñosos, gandaría e cultivos agrícolas, entre outras posibles actividades secundarias.

Link ao decreto no DOG: