Inicio / Noticias / O DOG recolle a aprobación do proxecto de construción da 3ª fase de acondicionamento da estrada PO-235 no concello da Lama, que suporá un investimento de 3,9 M€
08/11/2023 - 13:35
O DOG recolle a aprobación do proxecto de construción da 3ª fase de acondicionamento da estrada PO-235 no concello da Lama, que suporá un investimento de 3,9 M€

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción da terceira fase da mellora da estrada PO-235, no concello da Lama

Mediante esta nova intervención, que suporá un investimento de 3,9 M€, completarase o acondicionamento no treito desta vía autonómica para mellorar as condicións de circulación e incrementar a seguridade viaria ao paso polo municipio pontevedrés.

Tal e como lle trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Lama, David Carrera, no encontro que mantiveron en San Caetano, a previsión é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro semestre de 2024, co obxectivo de iniciar os traballos o vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 26 de outubro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto no concello. A superficie de expropiación acada os 47.905,70 m2.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231108/AnuncioG0181-021123-0001_es.html

A través desta nova actuación, a Xunta intervirá nun treito de algo máis de 7 quilómetros, entre o punto quilométrico 18+100 da estrada PO-235, á altura da parroquia de Seixido, e ata o quilómetro 25+000 na Portela da Cruz, xusto no límite coa provincia de Ourense. Este tramo atravesa os núcleos, pertencentes ao concello da Lama, do Campo, A Fentosa e O Eido da Tendeira, ademais de dar acceso a outros núcleos dispersos.

Na actualidade, o trazado deste tramo da PO-235 presenta ao longo do seu percorrido curvas de radio inferior a 25 metros e varios tramos de curvas consecutivas de 1 km de lonxitude, sendo a sección da estrada variable, de anchura máxima de 5,60 metros e con puntos especialmente estreitos, coincidentes con obras de paso da vía autonómica.

A través desta actuación e tratando de adaptarse aos condicionantes existentes, procederase á ampliación da plataforma da calzada ata os 7 metros, distribuídos en 2 carrís de circulación con 3 metros de anchura, respectivamente, e beiravías de 50 centímetros en cada marxe.

Tamén se rectificarán as curvas de menor radio para facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, e renovarase a capa de rodaxe e o firme da estrada.

Na execución dos traballos incluirase unha adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres principais puntos de evacuación. Ademais, realizarase o revestimento de cunetas e renovarase o tendido, a sinalización horizontal e vertical, o balizamento e as defensas de seguridade.

Esta nova intervención da Xunta súmase ás actuacións xa rematadas de acondicionamento integral da estrada PO-235 ao seu paso polo concello da Lama. A Xunta investiu anteriormente case 3,7 millóns de euros na mellora inicial do treito entre a capital municipal e o punto quilométrico 11+870, no lugar de Antas, e realizou a reforma ata o lugar de Seixido, así como unha senda peonil no medio do traxecto.