Inicio / Noticias / O libro-disco A Estrada da Vida conxuga música e letras galegas da man de Manoele e Luna

O libro-disco A Estrada da Vida conxuga música e letras galegas da man de Manoele e Luna

10/05/2018 - 03:00

A Estrada, 10 de maio de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do libro-disco A Estrada da Vida, que conxuga música e letras galegas da man do cantautor Manoele de Felisa e do escritor Xosé Luna en 14 pezas.

García Gómez mostrouse satisfeito de “ter entre as mans este libro que escolma o mellor da produción de Xosé Luna e que musica Manoele de Felisa, porque, como dicía o noso común amigo Xosé Neira Vilas, con ela a poesía viaxa máis lonxe”.

Na presentación deste libro-disco participaron tamén os alcaldes da Estrada, José López Campos, e de Cuntis, Manuel Campos Velay, así como os xerentes das empresas patrocinadoras, Bamarti e Restaurante A Porta do Sol de Lamela. Así mesmo, estiveron presentes os dous autores, Xosé Luna e Manoele de Felisa; o prologuista do libro, o escritor Xosé Manuel Lobato, e a ilustradora, Amaia López Brea “Luchi”.

A Estrada da Vida

Manoele de Felisa saca á luz o seu sexto disco, que conta, entre outros apoios, co da Consellería de Cultura. Desta volta, e tras musicar versos de Roberto Blanco Torres, Xosé Neira Vilas ou Rosalía Morlán, o cantautor converte en canción 14 poemas de Xosé Luna. En consonancia coa vitalidade destes textos, o músico abandona neste traballo a súa habitual melancolía para buscar un son máis pop e con chiscadelas a diferentes estilos, como o fado ou o reggae. A Estrada da Vida conta con colaboracións destacadas, como a da fadista María do Ceo; a cantante da Banda da Loba, Xiana Lastra; o grupo A Roda ou a Coral de Berres.

O libro-disco presentarase ao público nun concerto que vai ter lugar o venres, 11 de maio, ás 21.00 h no Teatro Principal da Estrada.