Inicio / Noticias / O Observatorio de custos de transportes de mercancías por estrada de Galicia permite calcular as tarifas asociadas a 18 modalidades de actividades diferentes
19/07/2020 - 12:51
O Observatorio de custos de transportes de mercancías por estrada de Galicia permite calcular as tarifas asociadas a 18 modalidades de actividades diferentes

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2020.- O Observatorio de custos de transportes de mercadorías por estrada de Galicia, que se puxo a funcionar a comezos do mes de xuño, xa conta con información actualizada que permite calcular as tarifas asociadas a 18 modalidades de actividades diferentes, desde os transportes de carga xeral en diferentes tipos de vehículos, a transportes frigoríficos, portavehículos, portacontedores, graneis, cisternas, obra, transporte de animais vivos, de mercadorías perigosas ou transporte en furgoneta, entre outros.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, desenvolveu esta ferramenta da man do sector coa fin de ofrecerlle un instrumento útil para facer unha estimación dos custos da súa actividade, simplificando e dotando dunha maior transparencia o relacionado con esta profesión.

Con este obxectivo habilitouse o portal web https://observatoriotransporte.xunta.gal a través do cal as empresas poden realizar os seus cálculos personalizados de custos, tanto por vehículos como por traxectos concretos.

Con esta nova ferramenta as empresas poden realizar simulacións partindo dos custos previstos con carácter xeral para un determinado transporte ou personalizar esta información, adecuándoa á súa situación concreta ou ao tipo de vehículo que empregan para desenvolver a súa actividade.

Adicionalmente poden realizar cálculos personalizados indicando a orixe e o destino dos seus servizos, xa que se incorporou á aplicación a funcionalidade de cálculo de rutas e tempos de percorrido.

O Observatorio mantén actualizadas variables como o custo dos carburantes, da man de obra e outros parámetros necesarios para o cálculo correcto do que pode supoñer un servizo de transporte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade creou o Observatorio de custos de transportes de mercancías por estrada de Galicia e impulsou a aplicación web para poñer ao servizo do sector unha ferramenta que lles achega información contrastada do custo real que supoñen os servizos de transporte, facilitando, tanto ás empresas como ao resto de operadores que contratan estes servizos, simulacións dos importes asociados á prestación destas actividades.