Inicio / Noticias / As obras da senda entre a intermodal de Ourense e a Ponte Vella farán necesario o corte do tráfico da rúa Ribeiriño esta vindeira semana
16/12/2023 - 04:29

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2023

Os traballos en execución do treito da nova senda entre a estación intermodal de Ourense e a Ponte Vella, na avenida das Caldas, farán necesario un corte de tráfico da rúa Ribeiriño durante esta vindeira semana.

Este peche de circulación forma parte dos traballos de inicio das obras das sendas que conectarán Ourense de norte a sur para transformar a mobilidade urbana. Estas actuacións, que xa comezaron a construírse polo río Barbaña e a avenida das Caldas, suporán un investimento autonómico de 5,7 M€.

Segundo a programación inicial dos traballos, este luns día 18 e durante toda a semana, ata o venres 22 de decembro, levarase a cabo o fresado e reposición de aglomerado da rúa Ribeiriño como actuación complementaria á senda. Durante estes traballos, o peche e os correspondentes desvíos estarán debidamente sinalizados. A rúa permanecerá cortada ao tránsito de vehículos, excepto para o acceso dos veciños aos garaxes.

Esta actuación complementaria vén motivada pola reorganización de movementos de circulación futuros no barrio e tamén durante as obras da senda metropolitana que conectará os principais equipamentos da cidade, e irá desde a estación intermodal ata Expourense, pasando pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña e o Pazo dos Deportes Paco Paz.

Completar a transformación da mobilidade urbana

Esta mesma semana a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse á zona onde están a comezar os traballos no Paseo do río Barbaña, onde detallou as actuación en marcha para completar a transformación da mobilidade urbana de Ourense, a través da execución desta gran senda peonil e ciclista de máis de 4 km que facilitará desprazamentos sostibles e saudables.

As obras, que a Xunta desenvolverá coa máxima axilidade pero tamén procurando minorar o impacto na vida da cidade, estarán á disposición de Ourense e dos ourensáns a comezos do ano 2025.

Mediante a actuación deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta habilitarase un itinerario único que, a efectos construtivos e de tramitación, se dividiu en dúas obras que veñen de comezarse é que se executarán de forma paralela.

Así, na avenida das Caldas acometerase unha humanización integral para poñela en valor como porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal e coincide cun treito da Vía da Prata do Camiño de Santiago.

Precisamente debido ás obras que por fin impulsa o Ministerio de Transportes na terminal de ferrocarril será preciso realizar unha adaptación do proxecto para coordinar a senda e o carril bici previstos nesta avenida das Caldas coa futura glorieta de acceso á estación.

En concreto, nesta parte da obra vanse reformar 600 metros de rúa, entre a intermodal e a Ponte Vella, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici e dotándoa de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.

Para compatibilizar as obras coa circulación, acometerase esta obra complementaria de fresado e reposición do aglomerado na rúa Ribeiriño, que obrigará a o corte de tráfico esta vindeira semana.

A segunda peza deste itinerario, que se desenvolve entre Os Remedios e Expourense, pasando polo paseo do Barbaña, suporá actuar ao longo de 3,5 km de senda nos que se acondicionarán os itinerarios actuais, dándolle continuidade onde se interrompen.

Os traballos comezaron coa sinalización e rozas na zona onde se enlazará a senda co acceso ás Burgas. Ademais, na intervención conectaranse os paseos do Barbaña e Barbañica e optimizaranse os accesos ao pavillón Paco Paz e a Expourense. Tamén con estas obras executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando unha solución consensuada con Patrimonio á beirarrúa precintada na marxe dereita da Ponte Romana.

O Goberno galego traballa para transformar a mobilidade urbana en Ourense e para poñer á disposición dos cidadáns infraestruturas e servizos que fomenten desprazamentos limpos e sostibles e permitan gañar espazos públicos, para que os peóns teñan cada vez máis protagonismo fronte aos coches.