Inicio / Noticias / As obras do aparcadoiro disuasorio de Nigrán avanzan na estrada Gondomar-Ramallosa con 72 prazas
04/03/2024 - 02:57
As obras do aparcadoiro disuasorio de Nigrán avanzan na estrada Gondomar-Ramallosa con 72 prazas

Nigrán (Pontevedra), 4 de marzo de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa) na que están a punto de finalizar as obras do novo aparcadoiro disuasorio que suporá un investimento de preto de 650.000 euros.

Trátase dunha nova actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Segundo lembrou a representante autonómica, a superficie total construída será de 3.500 metros cadrados para a creación de 72 prazas de aparcamento con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e a preinstalación de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.

A obra dá continuidade á senda peonil existente na PO-340 e constrúe zonas verdes con arboredo para sombra, ademais dunha franxa verde de 2,20 metros e un illote central axardinado. Ademais, repoñerase a parada de bus existente á entrada do aparcadoiro e habilitaranse cinco pasos de peóns para dar continuidade ao tránsito peonil.

Ana Ortiz tamén engadiu que se instala unha rede de drenaxe para a recollida de pluviais, a cal conectará a través de cuneta co río Miñor, e instalarase iluminación pública e vídeo vixilancia.