Inicio / Noticias / Os avances na renovación do pavimento da Autovía do Salnés obrigan a desviar o tráfico a partir do mércores evitando cortes na circulación
23/09/2019 - 03:05

Santiago de Compostela, 23 de setembro .- Os avances na execución das obras de renovación extraordinaria do pavimento na autovía do Salnés obrigarán a desviar o tráfico a partir desde mércores, día 25, para o que se habilitarán pasos alternativos evitando cortes na circulación dos vehículos, ao tempo que se compatibilizan as necesidades das obras e garante a seguridade dos usuarios e operarios.

Trátase da execución dos traballos de estendido da nova capa de rodadura a aplicar en toda a lonxitude da AG-41 e nos ramais de enlace, que se estenderá a calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais na mesma. A intervención terá unha duración estimada de 5 semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

Segundo establece o programa das obras, case todos os desvíos realizaranse trasladando o tráfico ao carril interior da outra calzada entre os dous pasos de mediana máis próximos ao tramo en execución, cunha lonxitude máxima de 4 km.

Tan só haberá dúas excepcións no tipo de desvío necesario para executar estas obras, que coincide cos traballos de estendido da nova capa de rodadura entre os enlaces de Curro e Ribadumia, dos puntos quilométricos 3 a 3,7, en ambas as calzadas. Traballos cuxa execución fan necesario o desvío total do tráfico.

Deste xeito, dado que non existe paso de mediana anterior á Ligazón de Curro, é obrigado o desvío do tráfico entre os enlaces do Curro (punto quilométrico 1,8) e Ribadumia ( punto quilométrico 9,2), a través da estrada PO-300, EP-9305 e VG-4.2, nun traxecto dun 11,5 quilómetros.

Máis en concreto, en sentido Sanxenxo este desvío producirase o día de comezo dos traballos, previsto para este mércores día 25, mentres que en sentido AP-9 o desvío producirase na última xornada de traballos, prevista para finais de outubro. Os desvíos serán sinalizados en cada cruzamento dese percorrido, e cada unha destas fases se prevé completar nunha única xornada.

No enlace de San Martiño (Meis), o tráfico en sentido Sanxenxo desviarase aproveitando a vía colectora que discorre paralela á área de servizo.

Nalgúns casos os desvíos impedirán que os vehículos poidan saír da autovía do Salnés por algún enlace no sentido de circulación, para o que se garantirá sempre a circulación ata o seguinte enlace e facer un cambio de sentido para saír polo enlace desexado desde a outra calzada, o que estará adecuadamente sinalizado. Igualmente o acceso á AG-41 a través dun enlace deberá facerse puntualmente en sentido contrario para facer o cambio de sentido no anterior e pasar a circular xa no sentido desexado.

Cabe sinalar tamén que na programación desta intervención tense tamén en conta a celebración da Festa do Marisco do Grove, do 3 ao 13 de outubro, que no coincidirá con ningún destes desvíos totais.

Cómpre lembrar que esta actuación da continuidade aos traballos iniciados o pasado mes de xuño, e interrompidos en verán para retomarse novamente en setembro, e que supoñen un investimento superior aos 5,1 millóns de euros. As obras teñen un prazo de execución total de 8 meses, pero estímase que coa planificación aprobada poderán estar rematadas este mesmo ano.

Está actuación está prevista no contrato de concesión desta infraestrutura autonómica, e está a ser executada, por tanto, pola sociedade concesionaria, de acordo cun proxecto supervisado e aprobado pola Axencia Galega de Infraestruturas.