Inicio / Noticias / Os traballos para estabilizar un noiro na estrada autonómica AC-840 en Betanzos farán necesario un corte de tráfico a partir do mércores
11/12/2023 - 04:15

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Os traballos para estabilizar un noiro na estrada autonómica AC-840 en Betanzos farán necesario o corte de tráfico da vía a partir deste mércores.

O corte, que se prolongará desde o día 13 ata o próximo día 21 de decembro, levarase a cabo en horario de 8 a 19 horas. Neste horario, o paso estará limitado aos residentes no tramo entre os puntos quilométricos 0 e 1, no enlace coa A-6.

A intervención ten como obxectivo acondicionar o noiro da marxe dereita no punto quilométrico 0+800, desprendido recentemente por mor das intensas precipitacións.

Esta obra realizarase con medios da conservación de estradas da Xunta e suporá un investimento de arredor de 50.000 €.

A actuación consiste no reforzo da cabeceira do noiro mediante mallazo e formigón proxectado, fixado a través de bulóns.