Inicio / Noticias / Román Rodríguez enxalza o traballo do Centro Cultural Partido A Estrada a prol do fomento da cultura desde A Arxentina
29/10/2023 - 06:30

Bos Aires (A Arxentina), 29 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o Centro Cultural Partido A Estrada de Bos Aires, para coñecer de preto o labor que realiza esta institución “a prol do fomento da cultura, da identidade galega, do deporte e de distintas iniciativas sociais”, afirmou.

No marco da súa visita á Arxentina, o responsable de Cultura non quixo perder a oportunidade de coñecer a estes galegos emigrados que, ademais, están de celebración: o Centro Cultural Partido A Estrada cumpre 80 anos. A súa fundación, en 1943, foi froito da fusión da Unión Estradense e a Federación Agraria da Estrada en Bos Aires. Desde marzo deste ano conta cunha nova directiva, cuxo obxectivo é revitalizar a entidade, atraendo aos máis novos e potenciando actividades a favor da colectividade galega.

O conselleiro, acompañado do seu director, Xosé Manuel Besteiro, coñeceu a actividade deste grupo que, ademais da súa intensa tarefa cultural, proxecta a imaxe e a tradición histórica do Concello da Estrada cara ao exterior. “Parabéns por seguir mantendo vivo o espírito da Estrada en Arxentina tras 80 anos comprometidos coa nosa cultura e tradición”, engadiu Román Rodríguez.

O titular de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén estivo onte no Centro Lalín, Agolada e Silleda da cidade arxentina, onde participou nos actos conmemorativos da festa da Nosa Señora das Dores. Na visita, celebrou o “espírito lalinense”, que segue vivo en Bos Aires grazas ao traballo desta institución con máis de 40 anos de historia.