Inicio / Noticias / Rueda anuncia o Proxecto Xenoma Galicia, que recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco
27/10/2023 - 03:47
Rueda anuncia o Proxecto Xenoma Galicia, que recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha o próximo ano do Proxecto Xenoma Galicia, unha iniciativa pioneira en España que recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas para identificar variantes xenéticas de alto risco e poder así detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticar de forma precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados. 

“Será un salto de xigante para o noso sistema sanitario”, aseverou o mandatario galego durante unha visita á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica,  en Santiago de Compostela, tras a que explicou os detalles desta iniciativa acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo director da Fundación, o doutor Ángel Carracedo. 

Rueda explicou que nesta iniciativa serán convidados a participar de xeito voluntario 400.000 galegos e galegas de entre 35 e 65 anos. As persoas serán escollidas aleatoriamente, polo que o mandatario galego fixo un chamamento a que participen, apelando ao beneficio colectivo que traerán consigo os resultados deste programa. 

Os participantes só terán que recoller unha proba de saliva e depositala en contedores no seu centro de saúde. Con estas probas, xerarase unha información fundamental para a historia clínica do paciente, pero tamén moi valiosa para a investigación e para coñecer o perfil xenético da comunidade. Tras a análise, os participantes serán notificados sobre se posúen ou non unha variante de alto risco. De ser así, serán derivados a profesionais especialistas para a confirmación e posterior seguimento. 

Ademais, 100.000 destes 400.000 seleccionados serán convidados a participar cunha mostra de sangre -que se recollerá tamén no seu centro de saúde- nun biobanco de mostras de sangue, plasma e soro que servirá para a investigación, para desenvolver fármacos máis adaptados ás características xenéticas galegas, e que permitirá a Galicia tomar parte en ensaios a nivel nacional e internacional. 

Cribados específicos para determinados cancros e enfermidades cardiovasculares

Ademais da recompilación de ADN e a creación do biobanco, o proxecto irá un paso máis alá, como explicou o presidente galego, e incluirá a posta en marcha de cribados específicos para previr determinados cancros e enfermidades cardiovasculares. “En Galicia sabemos moi ben dos beneficios dos cribados e da diferenza fundamental e crítica entre facelos a tempo ou non facelos”, advertiu. 

Nun primeiro momento, buscaranse as alteracións asociadas ao cancro de mama e ovario hereditario, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar, isto é, enfermidades todas elas para as que é posible facer cribados. Deste xeito, se unha persoa do proxecto ten unha variante xenética de alto risco, confirmarase cunha segunda proba e logo entrará no sistema e se lle ofrecerá vixilancia ou tratamento, segundo o qie indique o criterio clínico. 

Galicia, á vangarda da medicina avanzada

Rueda puxo en valor esta iniciativa para a que apuntou que  a Xunta reserva 20 millóns de euros nos orzamentos do próximo anoporque marcará “un antes e un despois” no sistema de cribados, na detección de enfermidades e da sanidade pública do futuro. 

“Desde este pequeno recuncho de España e Europa queremos seguir sendo a vangarda da medicina personalizada e referente a nivel nacional e internacional”, defendeu sobre este proxecto que erixiu como “unha bandeira máis” das que está a erguer a sanidade pública galega e os seus profesionais. 

Neste senso, incidiu en que este proxecto servirá para seguir consolidando un sistema sanitario galego de excelencia, que xa atesoura fitos como o calendario vacinal máis completo do mundo ou uns completos programas de cribado de cancro.