Inicio / Noticias / Rueda anuncia que a Xunta destinará 25 M € durante os vindeiros 10 anos ao desenvolvemento da Estratexia de estradas verdes nas vías de alta capacidade autonómicas
26/10/2023 - 05:21
Rueda anuncia que a Xunta destinará 25 M € durante os vindeiros 10 anos ao desenvolvemento da Estratexia de estradas verdes nas vías de alta capacidade autonómicas

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que a Xunta va investir “25 millóns de euros” durante a vindeira década para o desenvolvemento da Estratexia de estradas verdes nos preto de 500 quilómetros de vías de alta capacidade autonómicas. “Vanse reforestar as marxes das estradas autonómicas con especies frondosas autóctonas”, explicou.

Rueda resaltou que esta iniciativa pioneira, avanzada no Debate sobre o estado da Autonomía ten como obxectivos “incidir na prevención dos lumes, gañar en eficiencia na conservación nas marxes das estradas autonómicas e contribuír a reducir as emisións” para avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

Deste xeito, a través do desenvolvemento das actuacións recollidas no informe elaborado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e avaliadas hoxe no Consello da Xunta, perséguese, por un lado, o control e a erradicación das especies exóticas invasoras nas estradas autonómicas e, por outro, que actúen como barreira contra a propagación do lume.

Mediante esta proposta innovadora, ademais, preténdese conseguir que estas estradas actúen como filtro verde, mellorando a calidade do aire e a función ecolóxica da infraestrutura ao favorecer o hábitat de moitas especies, principalmente aves, e que sirvan coma una medida de mitigación na loita contra o cambio climático e absorción de CO₂, seguindo as estratexias e mediadas da Unión Europea e nacionais e a propia Xunta.

“Trátase de converter os 500 quilómetros da rede viaria autonómica en corredores verdes”, resaltou Rueda. Para iso, a estratexia incluirá, primeiramente, a eliminación de especies pirófilas e invasoras no dominio público viario: acacias, eucaliptos ou herba da Pampa. Seguidamente, implantará unha cuberta vexetal, mediante hidrosementeira que permita cubrir rapidamente o solo das marxes das estradas e impedir rebrotes e xerminación das especies anteriormente eliminadas, ao tempo que se evitan erosións.

Unha vez realizadas estas intervencións plantaranse especies de frondosas autóctonas, co obxectivo de formar unha masa arbórea consolidada a medio prazo que impida o crecemento de especies pirófitas ou invasoras.

As actuacións levaranse a cabo en coordinación entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e a Consellería do Medio Rural, e materializaranse mediante encomenda á emprega pública Seaga, que xa vén realizando traballos de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, cun contrato en vigor que supón un investimento de 3 M€ en dous anos.

Proxecto piloto na autovía do Morrazo

Rueda anunciou que esta iniciativa vaise implantar de forma piloto nas vías de alta capacidade do Morrazo e que irá estendéndose de xeito paulatino á rede autonómica nos seguintes anos.

Dado o innovador desta iniciativa, e aproveitando as intervencións que xa se están a executar na autovía do Morrazo de eliminación de especies pirófitas e invasoras a través da corta e roza, a Xunta xa está a traballar no primeiro proxecto de actuación nesta vía, incluíndo o ramal de Cangas (VG-4.5) e o corredor Cangas-Aldán (VG-4.6), que suporán un investimento de máis de 1,7 M€.

A través desta intervención, “a Xunta plantará arredor de 25.000 árbores” en toda a superficie desta autovía de titularidade autonómica, segundo resaltou o presidente que explicou que isto permitirá a absorción, ao final dun período de permanencia estimado de 35 anos, de 5.616 toneladas de CO₂.

Neste momento, o departamento de Infraestruturas xa se está a redactar o proxecto para transformar as vías de alta capacidade do Morrazo en estradas verdes, que prevé ter este mesmo ano. O obxectivo é iniciar os traballos na vindeira primavera.

Dotaranse así as marxes desta autovía e dos ramais dunha cuberta vexetal, unha vez que se actúa sobre as especies pirófitas e invasoras, para impedir novas xerminacións destas especies non desexables mentres a repoboación con especies de frondosas autóctonas non acada o desenvolvemento necesario.

Estas tarefas completaranse con traballos de mantemento e consolidación, cando menos, durante os 5 primeiros anos, que inclúen rozas, eliminación de rebrotes ou reposición de plantas.