Inicio / Noticias / Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme nas estradas Bertamiráns-Negreira e Roxos-Portomouro
05/01/2018 - 12:52

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2018.- Un total de 17 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de reforzo de firme nas estradas Bertamiráns- Negreira (AC-544) e na Roxos- Portomouro (AC-453), que contará cun orzamento de case 750.000 euros.

Estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, suporán a rehabilitación do firme das vías, o que permita mellorar o estado de conservación nos seguintes tramos:

• AC-544: desde o punto quilométrico 3+500 ata o 10+700, nos Concellos de Brión, Ames, Negreira e A Baña. A actuación en cada tramo dependerá do tipo de deformación existente, podendo consistir na extensión de microaglomerado ou dunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente.• AC-453: dende o p.q. 4+100 ata o 9+100, entre Quintáns e Cobas, no Concello coruñés de Ames, onde se repararán os puntos con deformacións, mediante o fresado e reposición.

Estas accións no firme compleméntase coa execución de cunetas tendidas de seguridade en dous tramos da estrada AC-453 que suman 430 metros e a renovación de sinais verticais que convén actualizar.

Plan de reforzos de firmes

A Xunta, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.