Inicio / Noticias / Un total de once empresas presentan as súas ofertas para executar o reforzo de firme de dúas estradas en Carballeda de Valdeorras mellorando o acceso ás canteiras de lousa
25/05/2020 - 14:17

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020.- Un total de once empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, ao seu paso polo concello de Carballeda de Valdeorras, que foron licitadas por máis de 1 millón de euros.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun prazo de execución de 6 meses e o obxectivo é acometer os traballos neste mesmo ano 2020.

Esta actuación comprenderá intervencións na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final da estrada na fronteira coa provincia de León, no 26+260; e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio.

Os traballos obxecto deste contrato prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, con saneos profundos alí onde sexa necesario, limpeza de gabias e reperfilado de noiros. As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.

Con esta actuación, intervirase nos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, polo que o firme sofre importantes cargas que obrigan a actuar sobre el para rehabilitalo. Trátase, polo tanto, dunha intervención que vai máis alá das obras de mellora de firme, sendo unha actuación fundamental para a actividade económica da comarca de Valdeorras.