Inicio / Noticias / A Xunta acometerá a mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario
13/12/2023 - 03:03

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario.

As actuacións, licitadas por 1.413.902 euros, comprenderán a mellora e acondicionamento do firme nesta vía autonómica no seu percorrido por estes tres municipios da comarca do Condado.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 9 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A Xunta prevé iniciar estas obras a finais do inverno ou xa na primavera, en función das condicións meteorolóxicas. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.  

A intervención consistirá na rehabilitación superficial do firme da vía autonómica mediante o fresado e a súa reposición, completando os traballos co repintado da sinalización horizontal.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.