Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por case 240.000 euros a redacción do Plan para a ampliación do parque empresarial de Pereiro de Aguiar
24/11/2023 - 04:19

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia adxudicou por preto de 240.000 euros IVE incluído a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a ampliación do parque empresarial de Pereiro de Aguiar.

O contrato para a elaboración do plan, autorizado polo consello de administración da empresa pública Xestur, pretende ordenar unha superficie de preto de 234.000 metros cadrados coa que poñer novos terreos a disposición do tecido empresarial.

O Executivo galego tamén investirá máis de 60.000 euros en distintos traballos cos que mellorar o estado da rede de distribución eléctrica existente no ámbito do polígono 2 do parque empresarial de Xinzo de Limia.

Estas adxudicacións do Executivo galego engádense a outras realizadas no marco dos PEOSE dos parques empresarias da Sionlla (Santiago de Compostela), Toedo (A Estrada), Coristanco e Louredo (entre Mos e Redondela). No caso do plan santiagués, aprobouse a súa redacción por importe de preto de 200.000 euros para ordenar unha superficie de máis de 410.000 metros cadrados coa que ampliar o parque nos terreos existentes fronte aos actuais, ao outro lado da AP-9.

A redacción do plan de Toedo, pola súa banda, foi adxudicada por un orzamento de preto de 155.000 euros e ten como obxectivo ampliar a súa superficie en máis de 90.000 euros. Mentres, a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e conexións exteriores da primeira fase do parque empresarial de Coristanco conta cun orzamento de máis de 78.000 euros.  

No caso de Louredo, o contrato para a redacción do plan de creación deste parque empresarial entre Mos e Redondela adxudicouse por algo máis de 290.000 euros. O obxectivo é ordenar unha superficie de preto de 480.000 metros cadrados para poñela posteriormente a disposición do tecido empresarial.