Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 1 M€ a execución das obras de mellora do firme en catro estradas da provincia de Ourense ao seu paso por sete concellos
28/02/2024 - 04:29
A Xunta adxudica por máis de 1 M€ a execución das obras de mellora do firme en catro estradas da provincia de Ourense ao seu paso por sete concellos

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

A Xunta adxudicou por 1.055.626 euros as obras para a execución da mellora do firme nas estradas da provincia de Ourense OU-113, OU-114, OU-310 e OU-311, nos concellos da Mezquita, Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio.

As intervencións obxecto deste contrato comprenderán a mellora e acondicionamento do firme nestas catro estradas autonómicas da provincia ao seu paso polos sete municipios .

Os traballos, adxudicados á empresa Extraco Construccións e Proxectos, S.A., comezarán previsiblemente na primeira quincena de abril, en función das condicións meteorolóxicas. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Máis concretamente, as obras consistirán na rehabilitación superficial do firme das vías autonómicas mediante o seu fresado e reposición, completando as intervencións co repintado da sinalización horizontal.

Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade.

Os terreos necesarios para a execución das obras pertencen ao dominio público das estradas, polo que non será necesario expropiar novos terreos.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.