Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 290.000 euros a redacción do plan de creación do parque empresarial de Louredo, entre Mos e Redondela
19/11/2023 - 11:29

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2023 A Xunta de Galicia adxudicou por algo máis de 290.000 euros a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación do parque empresarial de Louredo, entre os concellos de Mos e Redondela.

O contrato para a elaboración do plan, autorizado polo consello de administración da empresa pública Xestur, pretende ordenar unha superficie de preto de 480.000 metros cadrados en terreos dos dous concellos pontevedreses para poñela posteriormente a disposición do tecido empresarial.

Esta adxudicación do Executivo galego engádese a outras realizadas no marco dos PEOSE do parque empresarial da Sionlla (Santiago de Compostela), Toedo (A Estrada) ou Coristanco. No caso do plan santiagués, aprobouse a súa redacción por importe de preto de 200.000 euros para ordenar unha superficie de máis de 410.000 metros cadrados coa que ampliar o parque nos terreos existentes fronte aos actuais, ao outro lado da AP-9.

A redacción do plan de Toedo, pola súa banda, foi adxudicada por un orzamento de preto de 155.000 euros e ten como obxectivo ampliar a súa superficie en máis de 90.000 euros. Mentres, a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e conexións exteriores da primeira fase do parque empresarial de Coristanco conta cun orzamento de máis de 78.000 euros.