Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 365.000 € a execución de novas obras na senda Pontevedra-Marín que completan a transformación integral do treito urbano da PO-546 en Estribela
09/11/2023 - 13:45

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023 A ConsellerÍa de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 367.314 euros a execución das novas obras para conformar unha senda para a mobilidade sostible na estrada Pontevedra-Marín, na estrada PO-546.

As actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones Castro Figueiro, S.L.U., consisten na execución da segunda fase das actuacións que completarán a transformación integral do treito urbano de Estribela. O prazo de execución dos traballos é de 12 meses.

En concreto, esta nova intervención correspóndense cunha segunda fase das obras no treito comprendido entre o punto quilométrico 4+890 -o final das obras en execución da 1ª fase de Estribela que se están a ultimar-, e o quilómetro 5+060, no límite municipal, completando o acondicionamento do treito urbano da PO-546 en Estribela, no concello de Pontevedra.

Para iso remodelarase a sección transversal da rúa actual, ampliando os anchos das beirarrúas. A calzada terá un ancho de 3,10 metros na zona cun só carril; e un ancho de 6,20 metros na parte con dous carrís, zona de aparcadoiros e carga e descarga.

As beirarrúas terán 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, compostas por laxa de pedra granítica sobre capa de morteiro e sobre soleira de formigón de 15 cm de espesor.

Nos pasos de peóns e nos extremos disporanse vaos peonís con pavimento podotáctil (botóns ou direccionais) co fin de facilitar a accesibilidade.

Na intervención incluirase novo alumeado e reposición da sinalización e balizamento da zona de actuación.

A actuación incluirá a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.

A Xunta segue avanzando no impulso da conformación dunha senda para a mobilidade peonil-ciclista que conecte o núcleo poboacional de Marín coa cidade de Pontevedra, que permita comunicar os puntos de interese da cidade ao longo do eixe oeste-este, tales como o porto, os servizos administrativos da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos.

Esta 2ª fase de Estribela súmase á actuación, co proxecto xa aprobado, entre Mollavao e Os Praceres; complementándose coa xa executada no treito urbano de Marín; coa que está ultimándose coa 1ª fase de acondicionamento en Estribela, en Pontevedra; e co proxecto para rematar os treitos urbanos de Marín.

A Xunta completará un investimento global de case 10 M€ para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha verdadeira senda para a mobilidade sostible.

Esta intervención forma parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.