Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por preto de 800.000 € a mellora do firme das estradas PO-510 e PO-400 nos concellos do Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves
05/07/2021 - 13:35

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 800.000 euros as obras de mellora do firme das estradas autonómica PO-510 e PO-400, nos concellos do Porriño, de Salceda de Caselas, de Salvaterra de Miño e das Neves.

A intervención de reforzo da seguridade viaria, adxudicada á empresa Construcciones Fechi, S.L.U.., prevé o seu comezo no mes de agosto. As obras terán un prazo de execución de catro meses.

Na estrada PO-510 actuarase entre os puntos quilométricos 0+000 e 15+750. Entre os puntos 0+200 e 2+700, esta estrada atravesa o polígono industrial das Gándaras, polo que ten un importante tránsito de vehículos pesados. Para mellorar o seu estado, proxéctase un recrecido e unha ampliación da plataforma, ademais da posta a cota dos pozos de rexistro.

Na estrada PO-400 a intervención acometerase entre os puntos quilométricos 2+300 e 4+800, efectuando o fresado e a reposición do firme. No treito entre os puntos 2+300 e 3+900 executarase un reforzo do firme incrementando o paquete existente en toda a plataforma.

Tamén se aproveitará esta obra para reforzar a seguridade viaria co acurtamento dun dos terceiros carrís de adiantamento, nuns 100 metros de lonxitude, a renovación dos captafaros e a disposición de balizas.

Ademais, na zona de Budiño, no Porriño, reconfigurarase a sinalización horizontal para permitir xiros á esquerda en camiños públicos que poidan dar servizo aos veciños.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.