Inicio / Noticias / A Xunta aproba a expropiación dos terreos necesarios para a construción de tres tramos de senda na estrada PO-552, nos concellos de Vigo e Nigrán
26/05/2017 - 00:00

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o aprobación de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos para a construción dun Itinerario peonil e ciclista na estrada PO-552, nos treitos Coruxo - Roteas, A Estea e Priegue, nos Concellos de Vigo e Nigrán. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/78P6lZ. O obxecto da actuación é a construción dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-552, en tres treitos situados entre os pp.qq. 3+280 e 7+500. O orzamento base de licitación do proxecto de construción é de máis de 868.000 euros, cofinanciada con fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020. O Decreto de Utilidade Pública comprende as expropiacións das 32 fincas necesarias para a execución de tres tramos de senda para uso peonil e de ciclistas na estrada PO-552 (Vigo – Tui), 25 delas no Concello de Vigo e 7 no de Nigrán. O primeiro tramo, entre Coruxo e Roteas, iníciase no Pq. 3+280, onde finalizan as beirarrúas existentes en Coruxo, e construirase senda polas dúas marxes da estrada ata o Pq. 3+600, na zona do pavillón de deportes. Desde este punto seguirase pola marxe dereita ata o 4+440, punto situado na zona inicial de San Miguel de Oia. O segundo tramo, na Estea, localízase na travesía de San Miguel de Oia, comezando no Pq. 5+600 e finaliza no 6+070, punto no que remata a travesía. Prevese a súa construción pola marxe dereita da estrada PO-552, xa que na esquerda xa existe beirarrúa. O último treito iníciase no punto no que comeza a travesía de Priegue (Pq. 6+910) e remata no 7+500, onde conecta coas beirarrúas existentes nas Rexas. Proxéctase tamén pola marxe dereita da estrada. A sección tipo consta dunha senda dun ancho mínimo de 1,8 metros separada da calzada por unha zona axardinada e os bordos de separación nos tramos nos que as características da estrada e as edificacións existentes o permiten. Ademais da senda executaranse outras obras complementarias como a mellora das paradas de bus existentes nos tramos obxecto da actuación; a adaptación da intersección do Pq. 3+520 ao paso da senda, de modo que quedará habilitado un cambio de sentido para facilitar os xiros no sobreancho existente neste punto, e a mellora da drenaxe na curva do Pq. 7+100, nas Rexas.

Plan de Sendas

Este itinerario está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, concretamente na comarca de Vigo, onde a Axencia Galega de Infraestruturas executará aproximadamente 12,5 quilómetros de novas sendas, cun orzamento que se achega os 5 millóns de euros. A Xunta ten garantido o financiamento ao terse incluído estas actuacións no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020. Concretamente, na estrada PO-552, o Plan de Sendas contempla varios itinerarios peonís e ciclistas. Así, no paseo marítimo existente en Baiona diferenciaranse os espazos destinados a peóns ciclistas na zona próxima ao Parador. O contrato de obras xa está adxudicado e está previsto iniciar os traballos no mes de setembro para non causar molestias ao importante número de usuarios do paseo nos meses de verán.