Inicio / Noticias / A Xunta asina un convenio co concello de Porto do Son para executar o reforzo dun noiro na estrada AC-550 no lugar de Lamas-Abuín
31/10/2023 - 04:12

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

A Xunta vén de asinar o convenio de colaboración co Concello de Porto do Son para executar o reforzo dun noiro entre a estrada AC-550 e un camiño municipal no lugar de Lamas-Abuín.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Luis Oujo, asinaron hoxe de xeito telemático, este acordo para intervir na marxe esquerda desta vía, na parroquia de San Pedro de Baroña, ao norte do núcleo rural de Abuín, onde entronca o camiño de acceso a varias parcelas situadas en Lamas, Loncras e Toxodelo.

A intervención suporá un investimento que rolda os 43.000 euros, que será financiada integramente pola Xunta, que tamén será a encargada de contratar e executar as obras.

Pola súa banda, o Concello de Porto do Son porá á disposición os terreos necesarios e asumirá a explotación, mantemento e conservación das obras realizadas.

Esta actuación contratarase nas vindeiras semanas e prevese que poida estar rematada nos primeiros meses de 2024.

As actuaCións centraranse na construción dun muro de contención de xeometría irregular duns 30 metros de lonxitude e 5 metros de altura máxima, sen considerar a zapata.

O muro arrancará a continuación do xa existente, cunha cota lixeiramente inferior, de xeito que garanta a estabilidade do desnivel e xere un maior ancho do camiño que mellore as súas condicións de seguridade.

O Goberno galego continúa traballando na mellora das estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria e proporcionarlles aos cidadáns unhas vías eficientes e cómodas.