Inicio / Noticias / A Xunta comeza as obras da prolongación da autovía AG-59 desde A Ramallosa a Pontevea, no concello de Teo, cun investimento de máis de 32,3 M€
31/10/2023 - 03:15
A Xunta comeza as obras da prolongación da autovía AG-59 desde A Ramallosa a Pontevea, no concello de Teo, cun investimento de máis de 32,3 M€

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

A Xunta comeza hoxe a execución das obras de prolongación da autovía AG-59 desde Ramallosa a Pontevea, no concello de Teo.

Este novo treito da autovía libre de peaxe Santiago-A Estrada, cuxas obras suporán un investimento de máis de 32,3 M€, permitirán habilitar 3,5 quilómetros da AG-59, dándolle continuidade ao treito de autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo entre Santiago de Compostela e A Ramallosa.

Os Orzamentos da Xunta para 2024 consignan unha partida de 10 M€ para esta actuación.

A intervención, que conta cun prazo de execución de 20 meses, está a iniciarse pola estrada autonómica AC-241, con traballos de roza e limpeza.

As obras executaranse de forma paralela á estrada AC-841, entre o actual enlace da Ramallosa, que será reformulado, e o futuro enlace da AC-241, en Pontevea, onde rematará nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a propia vía autonómica.  

A autovía terá 4 carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros, beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores. Tamén se construirán 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 metros de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores, un en cada enlace. Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

O Goberno galego, de xeito paralelo, segue avanzando no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía, que suporá a construción de 4 km máis de autovía entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada, cun investimento estimado de 34 M€.

O obxectivo desta actuación é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.