Inicio / Noticias / A Xunta comeza as obras para a mellora de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade da Coruña, cun investimento de 1,4 M€
10/01/2024 - 03:43
A Xunta comeza as obras para a mellora de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade da Coruña, cun investimento de 1,4 M€

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2024 A Xunta vén de comezar as obras para a mellora da accesibilidade e conectividade de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas ao paso de rutas de acceso á  Coruña, cun investimento de 1,4 M€.

As actuacións están a iniciarse en dúas paradas situadas en Larín, no concello de Arteixo, nas marxes das estrada AC-552, na contorna do punto quilométrico 15+700, onde non se precisa expropiación de terreos para acometer as intervencións.

Cómpre lembrar que os vindeiros días 24 e 25 de xaneiro formalizaranse as actas de ocupación das expropiacións, o que implicará a dispoñibilidade dos terreos para o resto das paradas nas que se vai actuar.

Estas intervencións acometeranse nas paradas correspondentes á zona oeste de acceso á cidade Coruña situadas en 6 estradas da titularidade da Xunta ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños.

Máis concretamente, a través deste contrato melloraranse as paradas situadas nas estradas autonómicas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552. Concretamente, no concello de Arteixo, melloraranse 26 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2.

Os traballos consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Tamén se inclúe a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas para protexer aos usuarios onde haxa desniveis.

As intervencións están están financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.