Inicio / Noticias / A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada AC-214, no concello de Cambre
15/10/2023 - 14:43
A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada AC-214, no concello de Cambre

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2023

A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes da estrada AC-214, ao paso polo concello de Cambre.

Ademais, este luns retomaranse as tarefas que se iniciaron no mes de setembro na estrada LU-751, nos municipios lucenses de Meira e Ribeira de Piquín.

Tamén continuarán as intervencións que xa están en marcha en distintas vías autonómicas nas catro provincias galegas.

Na provincia da Coruña proseguirán os traballos en execución nas marxes da AC-554 en Outes e na autovía AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño.

En Lugo, avanzarán as actuacións na vía de altas prestacións que comunica Viveiro e Xove (C.G-2.3).

En Ourense, continuarán os traballos iniciados na OU-402, ao seu paso polo municipio de Cortegada.

En Pontevedra, seguirán tamén as intervencións nas marxes da PO-551, en Moaña; na AG-46, que comunica Moaña e Cangas; na CG-4.1, que une tamén nos municipios de Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu; ou na que une Carril e Baión (VG-4.7.).

Seguridade viaria e control de biomasa

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.