Inicio / Noticias / A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica LU-615 ao seu paso polo concello do Saviñao
25/02/2024 - 06:00
A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica LU-615 ao seu paso polo concello do Saviñao

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2024

A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes da estrada autonómica LU-615 ao seu paso polo concello do Saviñao.

Tamén proseguirán actuacións xa en marcha na provincia de Lugo como as da vía de altas prestacións CG-2.3, en Viveiro e en Xove.

No caso da provincia da Coruña continuarán as tarefas na estrada AC-544, en Outes; e na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) ao seu paso polos concellos de Narón e de San Sadurniño.

Tamén proseguirán avanzando as actuacións xa en marcha na provincia de Ourense na estrada autonómica OU-531, ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

Ademais, continuarán os traballos de roza na provincia de Pontevedra, neste caso seguirán centrándose en vías da comarca do Morrazo: na autovía AG-46, en Moaña e Cangas; na CG-4.1, que une tamén os municipios de Moaña e Cangas; e na vía de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu.

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.