Inicio / Noticias / A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada OU-510, no concello de Ourense
08/10/2023 - 14:01
A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada OU-510, no concello de Ourense

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2023

A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes da estrada OU-510, ao paso polo concello de Ourense.

Tamén continuarán as intervencións que xa están en marcha en distintas vías autonómicas nas catro provincias galegas.

Na provincia da Coruña proseguirán os traballos nas marxes da AC-554 en Outes ou da autovía AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño.

En Lugo, avanzarán as actuacións na vía de altas prestacións que comunica Monforte de Lemos e o Alto do Faro (CG 2.1) e na LU-102, en Viveiro.

En Ourense, continuarán os traballos iniciados na OU-402, ao seu paso polo municipio de Cortegada.

En Pontevedra, seguirán as intervencións nas marxes da AG-46, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na que une Carril e Baión (VG-4.7.).

Control de biomasa

Estas tarefas están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.