Inicio / Noticias / A Xunta concede axudas a oito asociacións profesionais e empresariais para a formación no eido do transporte por estrada cun investimento de 500.000 €
27/02/2024 - 12:51

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución coa listaxe das 8 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada.

 

No seguinte enlace ao DOG poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades, que acadan un investimento da Xunta de 500.000 euros: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240227/AnuncioG0533-200224-0002_gl.html  

 

O obxectivo destes incentivos é colaborar coas entidades que se integran no Comité Galego de Transportes co fin de que realicen un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

 

Con estes incentivos a Xunta fomenta que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial.

 

Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real Decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

 

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

 

O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais do sector do transporte facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos.

 

Nas tres últimas convocatorias, no ano 2021, 2022 e 2023, a Xunta concedeu axudas que permitiron a realización de 487 cursos nos que participaron un total de 7.186 profesionais.