Inicio / Noticias / A Xunta contribúe á celebración do Día da Danza na Estrada co seu apoio ao programa ‘6coreógrafas’ de Paula Quintas
16/04/2021 - 03:03
A Xunta contribúe á celebración do Día da Danza na Estrada co seu apoio ao programa ‘6coreógrafas’ de Paula Quintas

A Estrada (Pontevedra), 16 de abril de 2021.- A Xunta de Galicia contribúe á celebración do Día da Danza na Estrada co seu apoio ao programa 6coreógrafas, coordinado pola creadora e bailarina Paula Quintas. Esta proposta arranca mañá cunha serie de obradoiros e terá continuidade do 23 ao 25 de abril con seis funcións e os seus respectivos coloquios, para os que se conta tamén coa participación de Alejandra Balboa, Clara Ferrao, Begoña Cuquejo, Marta Alonso e Andrea Quintana.

Con 6coreógrafas complétase un dos 32 proxectos subvencionados a través da liña de axudas do Goberno galego ao impulso do sector escénico, posta en marcha o ano pasado cunha dotación de 500.000 euros como parte do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19. Segundo explicou hoxe na presentación do programa o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, catro salas de exhibición e 28 compañías de teatro, danza, maxia e novo circo beneficiáronse desta convocatoria extraordinaria para o relanzamento de espectáculos que viron afectado o seu percorrido polos escenarios a raíz das restricións sanitarias.

Sutil, quen interveu no acto xunto co concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla Carbón, e Paula Quintas, engadiu que arredor do 75% destas formacións remataron xa a recuperación das producións, reencontrándose co público a través de novas representacións, pero tamén doutras actividades de mediación e formación cultural.

Visibilizar o traballo das creadoras

É o caso de 6coreógrafas, que dá comezo mañá con tres obradoiros dirixidos ao alumnado de varias escolas de danza e asociacións. Xa na vindeira fin de semana, a Alameda da Estrada e o Teatro Principal serán os escenarios da representación de seis pezas, así como dos coloquios que se abrirán co público, co obxectivo de visibilizar o traballo das creadoras neste ámbito artístico. O venres 23 exhibirase Miñaxoia, de Clara Ferrao, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada en coprodución co Centro Coreográfico Galego; o sábado 24 será a quenda de Begoña Cuquejo con Castr@ e de Paula Quintas con Plastic, e o domingo 25 pecharase o encontro coas pezas Vertebrata, de Alejandra Balboa, e O raro é que bailar sexa raro, de Andrea Quintana (Colectivo Vacaburra).

Con este programa, Paula Quintas completa o proxecto de reactivación co que se presentou á convocatoria para o impulso do sector escénico, dentro do que o ano pasado desenvolveu no Teatro Principal cadansúa residencia artística dos espectáculos SET e Plastic co fin de retomar a súa xira dentro e fóra de Galicia tras o adiamento por mor da pandemia.

Reforzo da danza

O responsable de Industrias Culturais da Xunta situou a danza entre as prioridades do seu departamento con iniciativas como a especial protección desta disciplina no deseño das axudas dirixidas ao conxunto do sector escénico. Foi o caso da devandita convocatoria de impulso, que reservou especificamente 100.000 euros para as propostas coreográficas e que foron distribuídos entre 12 compañías.

Referiuse tamén a iniciativas como o Plan Integral para a Danza de Galicia, en proceso de elaboración, e as coproducións e programas formativos do Centro Coreográfico Galego, así como aos proxectos que xa están a tomar forma no marco do Xacobeo 2021.