Inicio / Noticias / A Xunta convoca en marzo e en maio os titulares dos terreos necesarios para conectar o Hospital Clínico de Santiago co novo itinerario entre O Milladoiro e a estación intermodal
19/02/2024 - 02:37

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria, para os meses de marzo e de maio, dos propietarios dos terreos necesarios para executar as obras do treito de senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario entre O Milladoiro e a estación intermodal.

Esta intervención, xa adxudicada e que suporá un orzamento de preto de 1 M€, permitirá habilitar un itinerario de 1.130 metros, que facilitará a circulación de peóns, ciclistas non deportivos e vehículos de mobilidade persoal no eixe Conxo-Hospital Clínico.

En concreto, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 11 de marzo, das 10,00 ás 12,30 horas, e o 12 de marzo, das 10,00 ás 12,00 horas no centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago.

A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 13 de maio, das 10,00 ás 11,15 horas e o 14 de maio, das 10,00 ás 11,00 horas, no mesmo lugar.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240219/AnuncioG0181-070224-0002_gl.html

A nova senda que se vai habilitar comezará no antigo túnel de Adif e finalizará na avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta, nas proximidades do centro hospitalario.

O itinerario divídese en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o aparcadoiro disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, vaise proceder á segregación do itinerario peonil e ciclista nos treitos nos que sexa viable, como son a conexión directa en baixada desde o itinerario do treito O Milladoiro-estación intermodal, e o treito comprendido entre o quilómetro 0+390 e 0+980.

Adaptarase o trazado na contorna do cruce sobre o río Sar, de xeito que o itinerario, tanto peonil como ciclista, aproveiten a pontella existente, suprimindo a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitando así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río.

Atendendo ás suxestións presentadas polo Concello de Santiago, de reducir a ocupación nos ámbitos DM-2 e ZL-5 do Plan Parcial do SUP-6 de Santa Marta, tamén se vai axustar o trazado no treito final, eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici.

Esta é a terceira actuación para a creación do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, un total de case 13 km que suporán un investimento da Xunta de case 12 millóns de euros.  

En concreto, os dous primeiros tramos, correspóndense co tramo da conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal; e o segundo treito, co itinerario desde a rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, ata San Caetano.

Estas intervencións, promovidas pola Xunta ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, teñen como obxectivo favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas.