Inicio / Noticias / A Xunta convoca en novembro e decembro os titulares dos terreos necesarios para executar a senda entre Mollabao e Os Praceres, en Pontevedra
17/10/2023 - 14:50

Santiago de Compostela, 17 de outubro  2023

A Xunta publica no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o anuncio polo que se convoca, en novembro e decembro, os titulares dos terreos necesarios para executar a senda entre Mollabao e Os Praceres, en Pontevedra.

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o 21 e o 22 de novembro de 10 a 13 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra; e a súa formalización, o 20 de decembro, de 10 a 14 horas, no mesmo lugar.

Esta intervención, que se desenvolverá na estrada vella de Marín, a PO-546, prevé un investimento de máis de 6,8 M€, tendo en conta as expropiacións e servizos afectados, e licitarase antes de finais de ano.

O obxectivo é transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.

As actuacións consisten na execución dun itinerario pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.

Neste treito que comunica Mollabao e Os Praceres prevese a separación con respecto á estrada do trazado da senda na travesía da Gandarela, debido á falla de espazo entre as construcións existentes.

Construirase unha glorieta á altura da intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.

Esta glorieta tamén facilitará o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio para facilitar o coche compartido -carpooling- que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 desta estrada PO-546 cun investimento de 500.000 euros.

Ademais, melloraranse as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.

No proxecto aprobado recóllense tamén distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán.

Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.

A intervención complétase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.

Tras a análise das achegas recibidas, a Xunta realizou axustes que permiten mellorar a actuación e reducir a afección, que se recollen no proxecto construtivo, no que se incluíron pequenas variacións no deseño minimizando a afección nalgunhas fincas que se prevé expropiar.

Mellorarase, tamén, a parada de autobús situada no punto quilométrico 1+460, na marxe dereita da estrada, cunha zona de estacionamento para o autobús e un novo refuxio.

Por solicitude dos veciños do Sartán, incorpórase na actuación unha nova zona de aparcadoiro en liña entre os puntos quilométricos 3+300 e 3+350, coa reserva dunha praza para unha persoa con mobilidade reducida.

No proxecto inclúese tamén a renovación da rede de augas fecais entre os puntos quilométricos 3+800 e 4, mellorando deste xeito a drenaxe das augas pluviais.

Ante a negativa do Goberno central de aumentar os fondos Next Generation asignados á comunidade pese a que Galicia está cumprindo os fitos establecidos con este financiamento, esta actuación será finalmente financiada con fondos europeos FEDER 21/27, o que ten derivado nunha demora no inicio da contratación das obras, tamén motivada polo retraso no trámite de dispoñibilidade de terreos de dominio público marítimo-terrestre.

O Goberno galego destina un investimento global de preto de 10 M para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha verdadeira senda de mobilidade sostible.