Inicio / Noticias / A Xunta convoca en outubro e xaneiro os titulares dos terreos necesarios para executar a senda entre O Milladoiro e a Estación Intermodal de Santiago
02/10/2023 - 04:01

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

A Xunta convoca para os meses de outubro e de xaneiro os titulares dos terreos necesarios para executar a nova senda entre O Milladoiro e a estación intermodal, no concello de Santiago.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio para o levantamento de actas previas á ocupación, que terá lugar os días 23, 24, 25, 26 e 27 de outubro, das 10,00 ás 12,30 horas no Centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago; e o 30 de outubro, das 10,00 ás 12,00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames.

A formalización das actas está convocada para o día 15 de xaneiro, de 10,00 a 11,20 horas na Casa da Cultura do Milladoiro; e para os días 16, 17, 18 e 19 de xaneiro, de 10,00 a 12,20 horas no Centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231002/AnuncioG0181-210923-0001_gl.html

A previsión é iniciar as obras este outono, cun prazo de execución de 18 meses. A intervención suporá un investimento autonómico de 7,5 M€.

O obxectivo é habilitar un itinerario de 3,5 km entre O Milladoiro e a estación intermodal. Comezará no Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe O Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de Adif e conectando coa rúa Virxe do Rial.

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

No contorno do antigo mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por debaixo da estrada de deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

Atendendo ás suxestións presentadas, elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.

A senda forma parte da creación do itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de preto de 12 M€.