Inicio / Noticias / A Xunta convoca o 6 de novembro as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril
23/10/2023 - 14:50

Santiago de Compostela 23 de outubro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para o vindeiro 6 de novembro, das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

Estes exames terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, no horario comprendido entre as 16 horas e as 19 horas.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información, consultando o horario previsto para a realización da proba de cada modalidade de transporte contemplada: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231023/AnuncioG0533-131023-0001_gl.html

Nesta xornada efectuaranse probas válidas para todas as clases de transporte, e especializadas segundo o tipo de mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras.

A proba constará de dous exercicios: o primeiro, 50 preguntas tipo test; o segundo, sobre supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao modo do transporte e á especialidade correspondente.

No caso de renovación do citado certificado, os aspirantes deberán responder a 50 preguntas tipo test.

Cómpre lembrar que a Directiva europea 2008/68/CE, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.