Inicio / Noticias / A Xunta culmina as obras de mellora da estrada PO-353 entre Pancenteo e Marzán, no concello do Rosal, nas que investiu preto de 1,3 millóns de euros
28/02/2019 - 08:33
A Xunta culmina as obras de mellora da estrada PO-353 entre Pancenteo e Marzán, no concello do Rosal, nas que investiu preto de 1,3 millóns de euros

O Rosal (Pontevedra), 28 de febreiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de mellora realizadas na estrada de titularidade da Xunta PO-353, ao seu paso polo concello do Rosal, que xa están a facilitar a mobilidade dos veciños en condicións de maior seguridade viaria.

Esta intervención financiada polo departamento de Infraestruturas da Xunta, cun investimento de case 1,3 millóns de euros, posibilitou o acondicionamento deste vial, no treito entre Pancenteo e Marzán.

Os traballos executados, e que se estenderon ao longo de algo máis de 2,2 quilómetros desta estrada autonómica, incluíron a ampliación da súa plataforma, a mellora do firme, a incorporación de beirarrúas e sendas peonís, así como o acondicionamento da drenaxe e a sinalización existente.

Máis en detalle, a primeira parte da intervención consistiu na mellora de sección da estrada PO-353 aumentando a plataforma existente ata os 7,5m de ancho, e axustándose en planta e alzado á estrada actual. E renovouse e ampliouse a beirarrúa existente na zona de travesía ao seu paso por Pancenteo, entre os puntos quilométricos 3+150 e 3+660.

Cabe salientar tamén entre as actuación, a incorporación dunha senda peonil fora do tramo de travesía, entre o punto quilométrico 3+660 e o 5+360, permitindo a segregación do tráfico peonil do tráfico rodado, para unha mobilidade máis segura dos veciños nos seus percorridos a pé.

As obras da Xunta aproveitáronse ademais para a renovación da drenaxe lonxitudinal do vial, cunha cuneta de seguridade revestida e ampliación das drenaxes transversais existentes debido á ampliación da plataforma. Nas zonas de travesía como Pancenteo, optouse por unha rede de colectores que recollen as augas pluviais mediante sumidoiros.

Esta intervención veuse completada co reforzo do firme, e a renovación da sinalización, balizamento e defensas ao longo deste tramo do vial autonómico no concello do Rosal.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez ten ademais previsto contratar antes do verán a redacción do proxecto da segunda fase desta actuación, no treito de 2,3 km de Marzán a Fornelos, que incluiría o alumeado de aproximadamente 2,3. A intervención ten un orzamento estimado de 1 millón de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa a traballar cos concellos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos cidadáns e fomentar o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.