Inicio / Noticias / A Xunta destina máis de 26.000 euros para a posta en valor dunha senda fluvial na marxe do río Anllóns, en Coristanco
04/10/2023 - 07:25
 A Xunta destina máis de 26.000 euros para a posta en valor dunha senda fluvial na marxe do río Anllóns, en Coristanco

Coristanco (A Coruña), 4 de outubro de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou esta mañá o concello de Coristanco para coñecer o terreo no que se levará a cabo o acondicionamento e a mellora para a posta en valor da senda fluvial do Refuxio dos Verdes no río Anllóns, ao seu paso pola localidade coruñesa. A directora estivo acompañada do alcalde de Coristanco, Juan Carlos García.

O proxecto, para o que a Xunta destinará máis de 26.000 euros a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla unha actuación sobre case 1,2 quilómetros e arredor de 0,7 metros de anchura dun camiño de pescadores na marxe dereita do río Anllóns, para convertilo nunha senda fluvial. Dito paseo comunicarase con outra senda xa executada que remata na área recreativa do Refuxio de Verdes, que nestes intres se atopa infrautilizada.

O obxectivo desta mellora promovida polo Concello de Coristanco e o GDR Costa da Morte, é potenciar a contorna do río Anllóns para que poida ser desfrutada pola veciñanza en xeral como os nenos, as persoas maiores ou aquelas con mobilidade reducida, para as que se facilitará a accesibilidade.

O obxectivo é ampliar o potencial abano de usuarios deste río, que poderán visualizar e, ao mesmo tempo, concienciarse sobre a biodiversidade da contorna, tanto da fauna como da flora, para contemplar a beleza deste espazo catalogado como Zona Especial de Conservación do río Anllóns.

Ademais de contar coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, este proxecto tamén disporá de financiamento por parte do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.