Inicio / Noticias / A Xunta destinará o vindeiro ano 5,5 M€ ás bonificacións e conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas, o que beneficiará a case 28.000 usuarios cada día
30/10/2023 - 02:16
A Xunta destinará o vindeiro ano 5,5 M€ ás bonificacións e conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas, o que beneficiará a case 28.000 usuarios cada día

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou esta mañá que o Goberno galego destinará o vindeiro ano 5,5 millóns de euros para bonificar e conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas, A Coruña-Carballo (AG-55) e Vigo-Baiona (AG-57), o que beneficiará a 27.900 usuarios cada día.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do equipo directivo da Consellería, compareceu esta mañá na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego para presentar as contas do seu departamento para 2024, que se incrementan un 2,4 € e chegan ata os 592,5 millóns de euros, 14 millóns de euros máis que no presente exercicio. Unhas contas que, en palabras de Ethel Vázquez, demostran a vocación “social e ambiental” da Xunta, tamén desde o eido das infraestruturas.

O departamento autonómico de Infraestruturas e Mobilidade xestionará, ademais, o vindeiro ano outros 165 millóns de euros de investimento consignados nas contas da Consellería de Sanidade pero de cuxa execución se encargará a Axencia Galega de Infraestruturas. Trátase das obras de ampliación e mellora dos grandes complexos hospitalarios: o Hospital de Ferrol, o Novo CHUAC, o Hospital de Ourense, o Hospital Clínico de Santiago e o Novo Montecelo; ademais da construción do Centro Integral Olimpia Valencia de Vigo, e novos centros de saúde nas catro provincias, como o de Abegondo, o da Milagrosa de Lugo, o de Boborás, o de Muíños ou o de Vilagarcía de Arousa, entre outros.

Investimentos centrados en catro obxectivos estratéxicos

Tal e como detallou Ethel Vázquez na súa comparecencia, a liña de acción da Consellería para 2024 centrarase en catro obxectivos estratéxicos. Por unha banda, traballar por unha Galicia máis conectada e sostible, con medidas sociais como a conxelación das peaxes ou a gratuidade do transporte para os menores de 21 anos, unha iniciativa á que se incorporarán en xaneiro, os maiores de 65. Neste obxectivo enmárcanse os investimentos destinados ao transporte público, a vertebrar o territorio con novos quilómetros de vías de altas prestacións e para o bo mantemento da rede actual de estradas autonómicas, así como as medidas encamiñadas ao fomento da mobilidade sostible.

O segundo eixe de traballo busca facer de Galicia un polo loxístico do sur de Europa, aproveitando as potencialidades xeográficas da comunidade, como porta de entrada desde o Atlántico en Europa, as alianzas estratéxicas co veciño Portugal e con toda Hispanoamérica e as autonomías do noroeste de España. Neste sentido, a incorporación da Comunidade ao trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías representa, en palabras da conselleira, unha oportunidade única para impulsar Galicia como nodo loxístico internacional.

O terceiro obxectivo no que se centran as contas da consellería de 2024 é situar Galicia como referente en auga e cambio climático, toda vez que, resaltou a conselleira, xa é unha referencia estatal en apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración. Galicia aspira agora a consolidar tamén unha posición de vangarda na xestión da auga no contexto do cambio climático, e estar mellor preparada fronte a episodios de seca e inundacións.

En cuarto lugar, a conselleira apuntou que os Orzamentos para 2024 reflicten a vontade de que Galicia sexa, tamén unha Comunidade modelo na construción de novas infraestruturas sanitarias que optimicen a prestación dos servizos da sanidade pública.

Con estes obxectivos, a Axencia Galega de Infraestruturas volverá ser o vindeiro ano, o departamento da Consellería con maior orzamento, ao manter practicamente igual investimento que no presente exercicio, 283 millóns de euros.  

A Dirección Xeral de Mobilidade incrementa o seu presuposto ata os preto de 164 millóns, o que significa un 31,6% máis que en 2023. Este centro directivo absorbe os fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dedicados ao financiamento de infraestruturas dunha mobilidade sostible, que este ano estaban consignados nas contas da Secretaría Xeral Técnica, que en 2024 verá minorado, como consecuencia, o seu orzamento ata os 8 millóns.

Augas de Galicia, pola súa banda, contará cun orzamento de 140 millóns de euros, que permitirán seguir coa colaboración técnica e financeira cos concellos para reforzar os sistemas de saneamento e depuración e promovendo actuacións que garantan o abastecemento de auga, incrementando a resiliencia fronte a situacións de seca e tamén con actuacións para reducir o risco de inundacións, nun contexto de cambio climático.

Conxelación de peaxes e gratuidade para os maiores de 65 anos

Na aposta por unha Galicia conectada e sostible e por unha mobilidade máis social, as contas do vindeiro ano reservan unha partida de 5,5 millóns de euros para conxelar as tarifas nas autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, un 15% máis que neste 2023.

Tal e como lembrou a conselleira, por segundo ano consecutivo, a Xunta conxelará o prezo das peaxes das autoestradas autonómicas, minorando sobre os usuarios o impacto que suporía o IPC, unha medida que ten a súa orixe no ano 2022, cando xa se limitou a suba á metade.

Ese investimento de 5,5 M€ permitirá, ademais, manter o paquete de bonificacións que se foi ampliando desde o ano 2010 e que se aplica hoxe a usuarios frecuentes, a familias numerosas e a viaxes en horario nocturno. Ethel Vázquez detallou que esta medida permitirá beneficiar aos preto de 27.900 usuarios diarios destas autoestradas, que seguirán a ser as máis baratas de España.

Transporte público e vertebración territorial

O marcado carácter social das contas da Consellería tamén se verá reflectido nunha medida nova e pioneira: a gratuidade do transporte público da Xunta para os maiores de 65 anos. Ethel Vázquez resaltou que, desde o vindeiro 1 de xaneiro, os 52.720 maiores de 65 que xa dispoñen da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) poderán desprazarse gratis no autobús interurbano da Xunta, no barco na ría de Vigo, e no Feve na área de Ferrol.

A conselleira avanzou o impacto positivo desta medida, á que se poderán acoller todos os maiores de 65 anos, simplemente solicitando a Tarxeta de Mobilidade de Galicia nunha sucursal de Abanca, o que lles permitirá realizar ata 60 viaxes ao mes de balde nalgunha das máis 3.500 liñas de transporte público da Xunta.

Os maiores de 65 anos sumaranse, deste xeito, á gratuidade da que xa desfrutan preto de 160.000 mozos galegos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova, que lles está a permitir aforros nos seus desprazamentos de ata 1.000 euros ano.

Vázquez Mourelle referiuse ao esforzo que a Xunta vén facendo polo transporte público, para garantir servizos de autobús interurbano eficientes e mellor adaptados ás necesidades da xente. Incidiu en que no vindeiro exercicio serán 100 millóns os que se destinarán a este fin, dos cales 9 serán para que os menores de 21 anos poidan seguir viaxando de balde e 5 millóns para ampliar a gratuidade aos maiores de 65 anos coa TMG, sendo Galicia, de novo, pioneira.

A aposta polo transporte público tamén se verá reflectida na mellora dos equipamentos e servizos. Tal e como indicou a conselleira, en 2024 serán máis de 20 os millóns que se investirán para seguir sumando novas cidades á intermodalide: 25 millóns reservados para avanzar nas obras da estación de autobuses intermodal da Coruña; 5,8 millóns para a de Lugo, cuxas obras se licitarán este outono e estarán en execución no vindeiro ano; e para avanzar na de Ferrol, que precisa da implicación do Goberno de España. 

A vontade de avanzar na vertebración e a cohesión territorial motivan que as contas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reserven en 2024 unha partida de 40 millóns de euros para a execución de vías de altas prestacións, variantes e acondicionamento de estradas. Destaca o investimento de 1,5 millóns de euros para a VAP Tui-A Guarda, na que este ano rematará o enlace coa A-55 e o polígono de Areas; 4 M€ para a VAP da Costa Norte, para o treito da AG-64-Sanguiñeira, con compromisos orzamentarios para os vindeiros anos por importe de 39 millóns; tamén para a autovía da Costa da Morte a través da execución da vía de altas prestacións Baio-Berdoias; para a VAP Brión-Noia; ou para avanzar na segunda fase de conversión en autovía da VAP Nadela-Sarria.

A partida máis importante, 10 millóns de euros en 2024 e partidas plurianuais por importe de 55 millóns, será, tal e como confirmou Ethel Vázquez, para a continuación da autovía á Estrada, nun primeiro treito entre A Ramallosa e Pontevea, en Teo, cuxas obras se iniciarán este mesmo martes.

Vázquez Mourelle remarcou que cando se poñan en servizo as actuacións que hoxe están en obras ou en fase de planificación, máis do 85% da poboación galega estará a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.  

Paralelamente, continuarase coa execución de variantes de estradas autonómicas ao seu paso por núcleos de poboación: Carballo, Ribeira, Rolda Leste de Lugo e a circunvalación Este de Ourense no treito Bemposta-N-525. Avanzarase, ademais, na mellora e acondicionamento de distintas estradas autonómicas, como a mellora da LU-540, da estrada Portomouro-Santa Comba, etc.

A titular de Infraestruturas apuntou a importancia de manter tamén as estradas existentes en boas condicións, para o que, as contas do próximo exercicio incrementan o investimento destinado a este fin preto dun 8%, ata acadar os case 53 millóns de euros, para manter as vías en perfectas condicións e reforzar a seguridade dos usuarios. Este investimento posibilitará continuar con programas como o Plan de reforzos de firme, a conservación ordinaria e a vialidade invernal, a Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes ou o programa de control das pontes, obras de pasos, muros e noiros.

No eido da mobilidade sostible, Vázquez Mourelle lembrou que, tras construír 250 quilómetros de sendas, o vindeiro ano impulsaranse novas actuacións cun investimento de case 35 M€: coa construción do novos itinerarios peonís e ciclistas a través do Plan de sendas de Galicia, que chegará a outras comarcas; coa execución de grandes sendas metropolitanas, como as que unirán a cidade de Ourense de norte a Sur e a que conectará O Milladoiro, a intermodal de Santiago e San Caetano, na capital de Galicia. Ademais continuarase cos proxectos para abril as cidades da Coruña, Ferrol e Vigo ao mar, con actuacións nas fachadas marítimas en colaboración coas respectivas autoridades portuarias e, no caso de Ferrol, iniciando unha nova colaboración co Concello para este mesmo fin, co proxecto “Abrir Ferrol ao Mar”.

Os Orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para o vindeiro ano permitirán completar a execución de aparcadoiros disuasorios nas contornas das grandes áreas urbanas, como o de Domaio, en Moaña; o de Vilagarcía de Arousa; o de Ribadumia; o de Nigrán; ou o da PO-546 en Pontevedra; o da avenida de Breogán, en Lugo; ou o de San Xoán en Ferrol; así como na mellora das paradas de autobús nas estradas autonómicas, mellorando a súa accesibilidade e seguridade viaria, así como desde unha perspectiva de xénero.

A titular de Infraestruturas puxo o acento nunha nova medida, pioneira, que se comezará a desenvolver na vindeira primavera comezando pola Autovía do Morrazo. Trátase da Estratexia de estradas verdes, para reforestar as marxes das vías de altas prestacións autonómicas con frondosas autóctonas, que ten asignada unha partida de 1,5 M€ en 2024. A modo de experiencia piloto, no vindeiro exercicio prevense plantar 25.000 árbores na autovía do Morrazo, no ramal de Cangas e no corredor Cangas-Aldán que actuarán a modo de cortalumes, contribuirán a optimizar os traballos de conservación das marxes das vías e contribuirán a reducir a pegada do carbono na estrada. Tal e como explicou Vázquez Mourelle, o obxectivo da Xunta é desenvolver nos próximos dez anos esta medida nos preto de 500 quilómetros de vías de altas prestacións de titularidade autonómica cun investimento global de 25 M€.

Áreas de estacionamento seguro

Para reforzar a competitividade do sector do transporte de mercadorías, a Xunta investirá o vindeiro ano en axudas á formación dos profesionais do transporte e no apoio para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP). Ademais, Ethel Vázquez avanzou a posta en en marcha unha liña novidosa, cun investimento de 650.000 €, que consiste na creación dunha área de estacionamento seguro para camións no polígono de San Cibrao das Viñas e nas axudas para transformar os aparcadoiros de tránsito existentes nas estacións de servizo nunha rede de áreas de estacionamento protexido e seguro para camións. O obxectivo, indicou, é crear un total de 250 prazas nas catro provincias en 2024.

Galicia, seguir sendo referente na xestión da auga

En canto aos investimentos previstos polo organismo Augas de Galicia, Ethel Vázquez incidiu en que irán orientados a coidar e preservar deste ben vital e escaso, para continuar situando a Galicia en posición punteira en canto a apoio aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración; e tamén referente na xestión climática da auga, para ser máis resilientes para afrontar episodios de seca e escaseza de auga e de inundacións.

Para o apoio aos concellos nas súas competencias de depuración e saneamento, resérvanse partidas por importe de 85 millóns de euros, con actuacións importantes para a mellora do saneamento en Foz, Burela, Vilagarcía, Lalín ou Sada. Tamén, tal e como referiu a conselleira, resérvanse partidas para contribuír á construción de actuacións declaradas de interese xeral do Estado (depuradora da Silvouta, en Santiago, e a de Ponteareas); para a liña de axudas para a realización de auditorías nas redes de saneamento, para evitar verteduras e a entrada de augas brancas; e tamén para reducir o risco de inundacións, como no río Anllóns, en Carballo, ou nos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, cuxas obras non se puideron iniciar ata o momento polas dificultades postas polo Concello.

A estar mellor preparados fronte á seca e ter garantidas reservas de auga destinaranse 23 millóns en 2024, con actuacións para mellorar abastecementos municipais e medidas encamiñadas a aumentar as garantías de existencia de recursos hídricos dabondo para cubrir as demandas de abastecemento reservando os caudais ecolóxicos. Ethel Vázquez detallou que se impulsarán medidas innovadoras, como a reutilización de auga con usos industriais; a identificación de novas reservas de auga, como poden ser antigos ocos mineiros; ou o impulso da interconexión dos grandes sistemas de abastecemento. Concretou, ademais, que o vindeiro se lle dará continuidade á liña de incentivos á mellora de traídas veciñais, aos plans de abastecemento autónomo ou para a redución de perdas de auga na rede de abastecemento.

Como nova medida, Vázquez Mourelle referiuse á creación da Escola da Auga, cun plan de formación continua para o persoal técnico dos concellos, das empresas xestoras, enxeñerías, comunidades de usuarios etc., de cara a garantir unha xestión profesionalizada deste recurso.

Ademais desenvolverase unha Estratexia para acadar a neutralidade enerxética nas depuradoras de Galicia. Trátase dunha medida que se aplicará en 70 depuradoras de augas residuais de máis de 10.000 habitantes e na que, segundo a conselleira, tamén Galicia será pioneira.