Inicio / Noticias / A Xunta dotará de iluminación o enlace de acceso da autovía do Salnés ao parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo
11/10/2023 - 13:31

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023 A Xunta de Galicia vai dotar de iluminación o enlace de acceso da Autovía do Salnés ao parque empresarial de Nantes, no concello de Sanxenxo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron de forma telemática un convenio de colaboración para impulsar a iluminación desta vía.

Dotarase de iluminación á totalidade do enlace da AG-41 ao parque empresarial, situado no punto quilométrico 17+200, que ademais dá acceso a zona de vivendas de Pedroño, no concello de Sanxenxo.

A Xunta asume a redacción do proxecto, a contratación e a execución das obras necesarias para a iluminación deste acceso da AG-41, que suporán un investimento autonómico de case 33.000 euros.

O Concello de Sanxenxo, pola súa banda, deberá incorporar as obras de mellora ao patrimonio público municipal, asumindo a súa xestión e mantemento, ademais de comprometerse a sufragar o consumo do sistema de iluminación instalado.

As obras obxecto do convenio

Na actualidade está iluminado o viario de acceso ao parque empresarial e parte do anel da glorieta da marxe dereita, pero non o resto do enlace nin o acceso ás vivendas.

En concreto, os traballos previstos neste convenio comprenden a instalación de 2 luminarias na glorieta oeste, unha entre o ramal de saída marxe dereita e o paso inferior, e a outra entre o paso inferior e o ramal de entrada marxe dereita. Ambas as luminarias colocaranse sobre columna de 9 metros de altura.

Ademais, na intervención inclúese a instalación doutras 4 luminarias no illote central da glorieta este, sobre unha única columna de 9 metros de altura.

Tamén se colocarán 2 proxectores tipo LED no muro do paso inferior que conecta ambas as dúas glorietas.

As intervencións completaranse coa instalación de 2 luminarias no viario de acceso ás vivendas, sobre columna de 5 metros de altura.

Esta colaboración co Concello de Sanxenxo enmárcase no obxectivo da Xunta de fomentar investimentos que melloren as condicións de explotación das infraestruturas e o seu uso, para acadar un desenvolvemento económico e social que achegue unha maior calidade de vida á cidadanía.