Inicio / Noticias / A Xunta encarga a redacción do proxecto para habilitar unha nova senda na estrada AC-542 nas proximidades do Mesón do Vento, no Concello de Ordes
13/01/2024 - 02:01
A Xunta encarga a redacción do proxecto para habilitar unha nova senda na estrada AC-542 nas proximidades do Mesón do Vento, no Concello de Ordes

Ordes (A Coruña), 13 de xaneiro de 2024

A Xunta vén de encargar a redacción do proxecto para habilitar unha nova senda na estrada AC-542 nas proximidades do Mesón do Vento, no Concello de Ordes. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Ordes, José Luis Martínez, para abordar sobre o terreo esta actuación, que vén de dar un novo paso administrativo na súa tramitación.  

Trátase da redacción do proxecto, de trazado e construtivo, para habilitar unha nova senda de 1,8 km, concretamente, entre os quilómetros 19+600 e 21+380 desta vía autonómica que vai a Betanzos, nas proximidades de Mesón do Vento. 

Este itinerario dará continuidade ao xa executado nesta mesma estrada, no límite municipal entre os concellos de Carral e Ordes, desde As Travesas ata o punto onde se desvía o camiño local que conduce ao lugar de Hospital, xa no termo municipal de Mesía, onde hai un albergue. Trátase dun treito de senda que coincide coa traza do Camiño Inglés e, polo tanto, con moito tránsito de peregrinos. 

Vázquez Mourelle informou que agora do que se trata é de redactar o proxecto para prolongar o itinerario peonil xa existente ao longo da estrada autonómica AC-542 co fin de reforzar a seguridade de peregrinos e veciños e garantirlle desprazamentos a pé máis cómodos e tamén máis sustentables e saudables. 

A nova senda, de uso preferentemente peonil, discorrerá pola marxe dereita da estrada e deseñarase seguindo as características técnicas empregadas neste tipo de proxectos. Disporá, polo tanto, dun ancho mínimo de 1,8 metros para facilitar os desprazamentos e garantir a accesibilidade. 

No marco do traballo de redacción do proxecto avaliaranse as distintas opcións de cara a acadar a solución máis eficiente e acaída para a execución do novo itinerario. Así analizarase o ancho preciso e viable, segundo a configuración das marxes da propia estrada; e tamén o pavimento no que se executará a senda, atendendo a criterios como a durabilidade ou unha maior visibilidade.  

O proxecto permitirá definir, tamén, se son necesarios terreos adicionais ao dominio público viario para a execución da senda, determinando se son precisas ou non expropiacións. 

A previsión é ter redactado o proxecto no verán e, a partir de aí, continuar cos trámites administrativos necesarios de cara á licitación e execución das obras no ano 2025, sempre e cando non sexa preciso realizar un procedemento expropiatorio. 

A redacción do proxecto desta nova senda en Ordes non terá un custo adicional, xa que se enmarca no servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias que foi licitado pola Xunta por importe de 4 M€.

Este contrato de servizo divídese en 4 lotes, un por provincia, e permite atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas autonómicas.