Inicio / Noticias / A Xunta executa a rehabilitación do firme en dúas estradas autonómicas do núcleo urbano de Lourenzá
09/06/2022 - 05:54

Lourenzá (Lugo), 9 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executa hoxe a rehabilitación do firme nas estradas autonómicas LU-153 e LU-122 en senllos treitos que suman 400 metros e transcorren integramente polo núcleo urbano de Lourenzá.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que a intervención ten un orzamento de 31.600 euros para actuar entre os puntos quilométricos 00+000 e 00+200 da LU-153 (Lourenzá-Masma) e entre o 32+700 e o 32+900 da LU-122 (Paraxes-Lourenzá).

 

As obras consisten na rehabilitación do firme con formigón bituminoso en todo o treito no caso da LU-153; e na LU-122 mellorarase a marxe dereita. Tamén se reporán as marcas viarias nas zonas afectadas.

 

Durante a execución destas obras permanecen habilitados carrís alternativos de circulación coa correspondente sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico.

 

Arias destacou que a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), executa estes traballos co obxectivo de reforzar a seguridade viaria en zonas nas que conflúe o tráfico rodado co tránsito peonil.