Inicio / Noticias / A Xunta formaliza o contrato do servizo de redacción de proxectos en materia de estradas na provincia de Lugo
17/01/2024 - 02:58

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

A Xunta vén de formalizar o contrato do servizo de redacción de proxectos en materia de estradas na provincia de Lugo.

Este contrato, adxudicado por máis de 598.000 € á empresa Ingenieria del Noroeste S.L. (INOR), permitirá impulsar a redacción de proxectos entre os que se inclúe o da 2ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Folgoso do Courel e Seoane.

O obxectivo da redacción desta 2ª fase é darlle continuidade ás obras en execución no treito comprendido entre Ferrería Vella e Seoane, prevendo para esta continuación un investimento superior aos 6 M€.

O contrato que vén de formalizarse ten por finalidade prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.

O contrato permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.

Esta iniciativa inclúe desde a redacción de proxectos máis complexos, como os sinalados anteriormente, ata outros máis sinxelos como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas.