Inicio / Noticias / A Xunta impartirá na estrada unha formación sobre maduración, recolección, manipulación e mecanización da mazá de sidra en ecolóxico
09/09/2021 - 03:20

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto impartir a semana que vén na Estrada un curso sobre maduración, recolección, manipulación e mecanización da mazá de sidra en ecolóxico. Organizado pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) desta localidade pontevedresa, está programado para desenvolverse no Novo Mercado entre o luns 13 e o venres 17.A formación impartirase na Estrada ao ser un concello que destaca polo seu cultivo de mazá de sidra en ecolóxico, cunha produción actual de arredor de 100 hectáreas que ten previsión de incrementarse. Así mesmo, este municipio pontevedrés conta cunha ampla tradición na elaboración de sidra, cunha maioría dos produtores integrados na cooperativa Ullama, que ten máis de 60 socios dedicados á produción de mazá en ecolóxico. O obxectivo desta acción, que se impartirá en horario de tarde ao longo de 16 horas de formación, é mellorar as técnicas de produción de mazá de sidra e enfocalas ao cultivo ecolóxico, así como a mecanización co obxectivo de reducir custos para aumentar a rendibilidade dos cultivos. En concreto, no programa constan contidos sobre a produción e a comercialización da mazá de sidra, o seu aproveitamento industrial, a súa maduración, a súa recolección e transporte e o seu proceso de elaboración. Por último, o venres 17 está prevista unha visita ao campo de ensaio de Maeloc, onde se explicará todo o proceso de maduración, recolección, manipulación e mecanizado da mazá de sidra en ecolóxico. Así mesmo, realizarase unha práctica con maquinaria de vareado portátil, vareado adaptado ao tractor e recolección mecanizada. Cómpre apuntar que este tipo de accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso da Estrada e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico paula.barciela.alonso@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 886159347.