Inicio / Noticias / A Xunta incrementa ata os 53 M€ o investimento destinado á conservación das estradas e pide un esforzo similar ás demais administracións no mantemento das vías
29/11/2023 - 04:28
A Xunta incrementa ata os 53 M€ o investimento destinado á conservación das estradas e pide un esforzo similar ás demais administracións no mantemento das vías

A Coruña, 29 de novembro de 2023 A Xunta incrementa ata os 53 M€ o investimento que destinará o vindeiro ano á conservación e mellora das estradas autonómicas e pide un esforzo similar ás demais administracións no mantemento das vías da súa titularidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria, onde se analizaron os datos de sinistralidade nas estradas, que amosa que o número de falecidos en accidentes de tráfico na nosa Comunidade no que vai de 2023 foron 75, o que supón 3 menos que no mesmo período do ano anterior.

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta ten como folla de ruta o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, co obxectivo de acadar a “visión cero”, é dicir, reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas.

No marco deste plan, avanzou que a Xunta lanzará a comezos de ano unha nova campaña de sensibilización co foco na relaxación de condutas na estrada, como o uso do cinto, as distraccións co móbil ou o consumo de alcohol, tendo en conta que o 42% de falecidos en 2022 en accidentes deron positivo en alcohol.

Ademais da sensibilización, indicou que o Goberno galego segue desenvolvendo iniciativas como o Plan de reforzo de firmes, co que nos últimos seis anos se licitaron obras por 115 M€.

Detallou que este ano se licitaron obras por 20 M€, que soben a 26,5 M€ co investido na autovía Santiago-Brión. En 2024 realizarase un investimento similar, ao que hai que se sumarán 4,7 M€ máis da 2ª fase de mellora do firme da AG-53.

Tamén, tendo en conta os efectos do cambio climático e a necesidade de manter as vías en condicións para reducir riscos, sinalou que a Xunta está desenvolvendo liñas pioneiras como o programa de inspeccións nas pontes e obras de paso, ademais de en muros e noiros.

Ethel Vázquez fixo fincapé nos resultados da Estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes, intervencións que cun orzamento de 15 M€ permitiron reducir case 50 km de puntos negros e a accidentalidade en máis dun 60%. A Xunta está xa elaborando unha nova Estratexia para proseguir na supresión destes puntos perigosos.

A titular de Infraestruturas tamén puxo en valor a aposta pola mobilidade peonil e ciclista máis segura e sostible, tras construír 250 km de itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas, cun investimento que supera os 50 M€.

Recordou, ademais, que se está a reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade en 1.100 paradas de autobús situadas en vías autonómicas, cun investimento de 35 M€ para protexer os usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns.

Creación de dous grupos de traballo

Na Comisión de hoxe constatouse que se está a rexistrar tamén un incremento da sinistralidade relacionada con atropelos de animais.

Para acadar solucións a este problema, na xuntanza acordouse a creación dun grupo de traballo para avaliar os casos de atropelos con animais. Tamén se configurará outro grupo para analizar a entrada de vehículos en sentido contrario, unha problemática que se vén detectando.

No caso da irrupción de fauna salvaxe nas estradas, a conselleira lembrou que a Xunta vén traballando en distintas alternativas para disuadir os animais das vías, con reflectores, repelentes olfativos ou valos reforzados como os das autovías Ferrol-Vilalba ou Nadela-Sarria.

Adiantou que o Goberno galego explora outras medidas innovadoras como a instalación de cámaras e sensores que envíen unha alerta aos condutores sobre a presenza de animais.

Para isto, o Executivo autonómico comezou un proceso de compra pública innovadora, que consiste en financiar proxectos de I+D do sector privado que potencialmente poidan contribuír a mellorar a seguridade en relación cos animais na rede viaria.