Inicio / Noticias / A Xunta inicia o procedemento de aprobación do polígono agroforestal de Cabreira, en Salvaterra de Miño, e o declara de utilidade pública e interese social
04/03/2024 - 02:38

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural polo cal se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Cabreira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, para poñer en valor 22,21 hectáreas, distribuídas en 237 parcelas de 148 propietarios. A declaración de utilidade pública e de interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. Ademais, o tamén DOG publica hoxe o acordo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se inicia o procedemento de aprobación desta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

O polígono de Cabreira ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, en progresivo estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

Neste caso en concreto, cómpre destacar que a zona delimitada está na área de actuación da Denominación de Orixe Rías Baixas, existindo unha gran demanda de terreos para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculados á produción vitivinícola, gandería extensiva e aproveitamento forestal

30 polígonos

Na actualidade, tendo en conta este de Salvaterra de Miño, estanse a desenvolver un total de 30 polígonos agroforestais de iniciativa pública en toda Galicia, que se atopan en distintas fases de execución. Isto supón un total de 9.323 hectáreas mobilizadas grazas á Lei de recuperación da terra agraria, abranguendo 30.357 parcelas e 8.568 persoas propietarias directamente beneficiadas.

Cómpre apuntar que na meirande parte dos polígonos xa se identificaron actividades admisibles e prevese a súa recuperación a través de sistemas agroforestais, cultivos leñosos, gandaría e cultivos agrícolas, entre outras posibles actividades secundarias.

Link ao decreto da Consellería do Medio Rural no DOG:

 

Link ao acordo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no DOG: