Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras da senda entre a estación intermodal de Santiago e San Caetano, cun investimento de case 2,4 M€
27/02/2024 - 04:20
A Xunta inicia as obras da senda entre a estación intermodal de Santiago e San Caetano, cun investimento de case 2,4 M€

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024

A Xunta vén de iniciar as obras da senda entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, no concello de Santiago, cun investimento de preto de 2,4 M€. 

Esta intervención está a comezar na rotonda de Fontiñas e na rúa Fontes do Sar, tras a coordinación co Concello de Santiago. O proxecto incorporou propostas para mellorar a xestión de augas pluviais nese punto onde se producen frecuentes enchentes.

Este treito de itinerario partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará no complexo administrativo da Xunta.

A actuación inclúe o acondicionamento dos treitos actuais, aos que se lle dará continuidade nas partes que non os hai, ao longo da marxe sur da liña do ferrocarril, ata a rúa Fontes do Sar.

Tamén se prevé o cruzamento da SC-20 aproveitando o paso inferior da rúa Fontes do Sar, para subir polas rúas de Fontiñas, coincidindo coa ruta Eurovelo ata o nó de Concheiros, recentemente remodelado e xa nas proximidades do complexo administrativo da Xunta.

A maiores, como itinerario alternativo para peóns, máis curto pero de maior pendente, proponse a avenida de Lugo, polo que se mellorará o paso inferior baixo a SC-20 á altura da rúa Batalla de Conxo.

Na contorna da Colexiata do Sar, o trazado finalmente adoptado será o que vai polo viario existente que discorre pegado á liña do ferrocarril e que conecta a rúa de Clara Campoamor coa rúa de Sar, en lugar do itinerario pola contorna da Colexiata de Sar proposto inicialmente.

Esta actuación forma parte da creación do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.

A intervención enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.