Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras da senda peonil na rúa Ourense e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo, nos concellos de Maside e do Carballiño
01/06/2023 - 03:15
A Xunta inicia as obras da senda peonil na rúa Ourense e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo, nos concellos de Maside e do Carballiño

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

A Xunta iniciou hoxe a execución das obras dunha nova senda peonil na rúa Ourense e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo, nos concellos de Maside e do Carballiño.

 

O obxectivo desta actuación, que supón un investimento autonómico de preto de 50.000 euros, é mellorar a accesibilidade para o tránsito peonil nas marxes da rúa Ourense, coincidente co treito da estrada N-541a situado entre os puntos quilométricos 0 e 0+230, e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo.

 

Deste xeito, aténdense as necesidades de mellora da seguridade viaria nesta contorna, con paso constante de peóns que fan uso dos distintos servizos existentes: gasolineira, supermercado e para as propias vivendas da zona.

 

A execución dos traballos comeza na glorieta de intersección coa AG-54 para a súa conexión co paso de peóns situado no punto quilométrico 0+220, onde xa se dispón de beirarrúa actualmente en ambas as marxes. O tramo pertence ao termo municipal de Maside, salvo os últimos 50 metros, entre os puntos 0+180 e 0+230, que corresponden ao concello do Carballiño.

 

Para garantir a accesibilidade da senda, na intervención adecuaranse as dimensións da plataforma da estrada compatible coa seguridade dos vehículos e peóns, para o que se reducirá lixeiramente a anchura dos carrís actuais, de 3,40 metros ata 3,25 metros, dotándose a estrada de beiravías de 0,50 metros.

 

A senda peonil executarase a ambos os dous lados, dentro dos límites do dominio público da vía.

 

Na marxe esquerda, a senda contará cunha anchura de 2 metros, a nivel da calzada e mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Neste tramo, o paso de peóns do punto 0+220 conectarase coa beirarrúa existente e disporase o pavimento podotáctil necesario.

 

Na marxe dereita, a senda proxéctase cun ancho variable de entre os 1,80 e os 2 metros e co mesmo pavimento de formigón que na esquerda. Tamén se dotará de accesibilidade o paso de peóns do punto 0+220 e mellorarase o firme no acceso do quilómetro 0+195, aproveitando para reubicar o paso de peóns para aliñalo co itinerario peonil creado.