Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada AC-261 ao paso polos concellos de Boqueixón e de Santiago
27/11/2023 - 04:15
A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada AC-261 ao paso polos concellos de Boqueixón e de Santiago

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

A Xunta comezou hoxe novas obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-261 ao paso polos concellos de Boqueixón e de Santiago de Compostela.

Esta intervención supón un investimento autonómico de máis de 43.000 euros e a empresa encargada da súa execución é Nemesio Ordóñez S.A.

A actuación consiste na rehabilitación do firme da estrada AC-261 en dous puntos da mesma: en concreto, intervense  na contorna dos puntos quilométricos 2+000, en Aríns, no concello de Santiago de Compostela; e no quilómetro 8+000 en Lamas, no municipio de Boqueixón.

Os traballos en execución comprenden o fresado e a reposición de 5 cm da capa de rodaxe do firme existente nos citados puntos quilométricos. A reposición da rodaxe levarase a cabo no ancho completo dos carrís cunha capa de mestura betuminosa en quente.

Estas obras, que contribuirán a reforzar a seguridade viaria na zona, danlle continuidade ás diversas actuacións de mellora do firme que a Xunta leva acometido nos últimos anos en distintos treitos do trazado desta vía.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.