Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de reforzo dun noiro na estrada AC-550 no lugar de Abuín, no concello de Porto do Son
04/12/2023 - 03:08
A Xunta inicia as obras de reforzo dun noiro na estrada AC-550 no lugar de Abuín, no concello de Porto do Son

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

A Xunta vén de iniciar as obras de reforzo do noiro entre a estrada AC-550 e o camiño municipal do lugar de Abuín, no concello de Porto do Son.

Comezan así os traballos na marxe esquerda desta vía, na parroquia de San Pedro de Baroña, ao norte do núcleo rural de Abuín, onde entronca o camiño de acceso a varias parcelas situadas en Lamas, Loncras e Toxodelo.

As obras céntranse na execución dun muro de contención da estrutura actual do noiro afectado polas choivas, que desaconsella na actualidade o uso do camiño polos propietarios das parcelas desa zona polo risco de escorregas.

Os traballos, que contan cun investimento autonómico que rolda os 43.000 euros, consisten na construción dun muro de contención de xeometría irregular duns 30 metros de lonxitude e 5 metros de altura máxima, sen considerar a zapata.

O muro arrancará a continuación do xa existente, cunha cota lixeiramente inferior, de xeito que garanta a estabilidade do desnivel e xere un maior ancho do camiño que mellore as súas condicións de seguridade.

Esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello do Porto do Son, tras asinarse o pasado o pasado día 31 de outubro o convenio para impulsar estas obras de especial interese para os veciños da contorna.

Mediante este acordo, a Xunta financia integramente a intervención e executa os traballos que se acaba de iniciar, mentres o Concello de Porto do Son puxo á disposición os terreos necesarios e asumirá a explotación, mantemento e conservación das obras realizadas.

O Goberno galego continúa traballando na mellora das estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria e proporcionarlles aos cidadáns unhas vías eficientes e cómodas.