Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras dun novo valo de cerramento en distintos treitos da autovía Ferrol-Vilalba, ao seu paso polo concello de Narón
14/11/2023 - 05:24
A Xunta inicia as obras dun novo valo de cerramento en distintos treitos da autovía Ferrol-Vilalba, ao seu paso polo concello de Narón

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

A Xunta vén de iniciar hoxe as obras de instalación dun novo valo de cerramento en distintos tramos da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ao seu paso polo concello de Narón.

Esta actuación, adxudicada á empresa Explotaciones Gallegas, S.L. por preto de 50.000 euros, céntranse no tramo da marxe dereita da AG-64, entre o punto quilométrico 0 e o enlace do quilómetro 4+600.

Esta nova intervención xorde no marco das actuacións de conservación da autovía autonómica da Xunta vinculadas coa roza de especies invasoras e pirófitas e ten como obxectivo minorar a dificultade nestes traballos pola existencia de vexetación na base do valo de peche perimetral actual. Estes traballos de roza en ocasións provocan danos no propio valo, o que vai facer necesaria a súa reparación parcial.

Ademais, nos tramos nos que existe barreira metálica, tamén se dificultan os labores de roza pola vexetación existente ao redor dos postes da mesma, polo que con esta actuación óptase por executar tramos co valo por detrás da barreira metálica, formigonando a superficie do terreo baixo ambas, para evitar así o crecemento de vexetación baixo ambos os elementos.

Trátase dunha nova actuación da Xunta, a modo de proba piloto que, de se comprobar as súas vantaxes na fase de conservación, poderá ser aplicada noutras vías de titularidade autonómica. Neste caso, as actuacións centraranse nos tramos en terraplén da autovía e implantarase, concretamente, nos puntos situados entre o quilómetro 0 e o 0+350, o 0+500 e 0+800, e entre o 3+990-4+320.

As obras consisten na aplicación dunha capa de formigón sobre a berma da estrada actual, cun ancho aproximado de 1,1 m, e un espesor medio de 8 cm, e a colocación do valo perimetral de peche por detrás dos postes da barreira metálica existente, a unha distancia destes duns 30 cm aproximadamente, de modo que entre o bordo da beiravía e os 30 cm polo lado exterior do peche non poida existir vexetación algunha.

Máis en concreto, cos traballos que se veñen de iniciar disporase un valo de 1,5 metros de altura formada por postes cada 3 metros e malla soldada galvanizada e plastificada, con separación entre fíos verticais de 5 centímetros e 10 cm entre os horizontais.

A malla contará cos seus correspondentes tensores e ancoraxes, prestando especial atención á ancoraxe da parte inferior ao revestimento da berma en formigón, a cal se reforzará para tratar de evitar o seu posible levantamento e consecuente paso de fauna.