Inicio / Noticias / A Xunta investirá arredor de 1 M€ na rehabilitación do Colexio CEIP Pérez Viondi da Estrada
02/12/2023 - 12:31

A Estrada (Pontevedra), 2 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio CEIP Pérez Viondi, na Estrada, onde anunciou que a Xunta vai investir arredor de 1 M€ na rehabilitación deste centro. “Un investimento que se suma aos 2 M€ que xa temos investido desde 2009 neste colexio en obras como a ampliación realizada hai unha década”, destacou.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo do Goberno galego, neste momento estase a redactar o proxecto para a rehabilitación do Pérez Viondi. “A previsión é que o proxecto estea rematado e supervisado no segundo trimestre de 2024, e a licitación da obra tamén nesas mesmas datas”, detallou.

Esta nova intervención enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a adaptar as instalacións dos centros educativos galegos ás necesidades do século XXI, entre elas á necesidade de que sexan edificios máis sostibles e respectuosos co medio ambiente. “Isto redunda, ademais, nunha mellora no día a día de alumnos e docentes, que gozan dun maior confort térmico”, salientou o conselleiro.

Non en balde, a falta de concretala co proxecto, a intervención incluiría actuacións en materia de eficiencia enerxética, con obras sobre as fiestras, as cubertas e as luminarias, e de mellora da accesibilidade.

Investido 9 M€ desde 2009

“Esta actuación vai elevar a case 9 M€ o investimento en melloras en colexios e institutos do concello da Estrada desde 2009, con actuacións de tanto calado como a ampliación deste centro ou o novo edificio de talleres que estamos a acometer no Instituto IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, cun investimento de máis de 3 M€”, afirmou Román Rodríguez.