Inicio / Noticias / A Xunta inviste 200.000 euros en preto dunha trintena de marquesiñas instaladas nas estradas lucenses
30/06/2021 - 14:03
A Xunta inviste 200.000 euros en preto dunha trintena de marquesiñas instaladas nas estradas lucenses

Lugo, 30 de xuño de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 200.000 euros nas 28 marquesiñas instaladas nas estradas lucenses nos últimos meses ao abeiro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que está en fase de adxudicación un novo contrato, por máis de 1,2 millóns de euros, para renovar outras 200 marquesiñas no conxunto da Comunidade.

Nesta primeira fase instaláronse en Galicia 158 marquesiñas; entre elas, case unha trintena foron colocadas en 18 concellos lucenses, as dúas últimas instaladas recentemente en Outeiro de Rei. Nalgúns casos renováronse os refuxios xa existentes e noutros colocáronse as marquesiñas en paradas que non dispoñían deste equipamento.

O obxectivo da Xunta é estender unha rede de marquesiñas cunha imaxe recoñecible por toda Galicia, realizadas con madeira de piñeiro e con deseños integrados na paisaxe que presentan dúas versións, adaptadas aos ámbitos rural e urbano.

Arias lembrou que a Xunta vén de completar o Plan de Transporte Público de Galicia e “continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade”.